Para o Grupo municipal da Marea de Vigo, a obtención da tarxeta sempre ten que ser universal como nas grandes cidades do estado, e posteriormente aplicar bonificacións a colectivos vulnerables en canto a recursos económicos ou situación sociocomunitaria. “En vez disto – matiza o voceiro – nun alarde de personalismo delirante, Caballero artellou un sistema ridículo de tarxeta cidadá, tanto que, por exemplo, pretende utilizar o mesmo sistema incluso para o lixo, cando o único motivo para implantalo noutras cidades é para que as persoas usuarias obteñan rebaixas no imposto do mesmo. Isto non existe en Vigo, convertendo nunha obvia inutilidade o sistema anunciado a bombo e prato por Caballero para os contedores de lixo orgánico”.
A sentenza que anula o sistema ligado ao empadroamento para a obtención da PassVigo, segundo a Marea de Vigo, “lévannos ao punto de inicio, cando existía unha tarxeta verde que se entregaba de xeito indiscriminado e se sufragaba exclusivamente polo Concello de Vigo, coa nula colaboración económica por parte da Xunta”.
Marea de Vigo segue a considerar polo tanto que a única solución vén, ou ben do recoñecemento do convenio asinado pola Xunta e o Concello no 2015 ou ben pola sinatura dun novo convenio entre ambas administracións. Deste xeito a Xunta asumiría a maior parte do billete das persoas non empadroadas en Vigo e o Concello de Vigo seguiría facéndose cargo da bonificación das persoas empadroadas (80% Xunta e 20% Concello), evitando as inxustizas que se están dando por exemplo con Concellos como o de Cangas, que paga parte da bonificación do transporte de ría, podendo ser empregado por unha viguesa ou vigués aínda que o Concello de Vigo non participe no transporte metropolitano que así o permite.
Rubén Pérez explicou hoxe que “é correcto facer desde o Concello de Vigo unha bonificación ás persoas empadroadas, e é perfectamente lexítimo; hai moitos concellos, incluso gobernados polo PP que así o fan, mais contando sempre coa alternativa do transporte metropolitano ou da existencia dunha tarxeta accesible a todo o mundo sexa empadroado ou non como se fai en Madrid, Barcelona, Xixón, etc.. O problema é que aquí non hai esa alternativa, non interesa nin a PP nin a PSOE unha área metropolitana funcionando, non lle interesa a Vitrasa e ao grupo Avanza un trasporte urbano de pasaxeiros/as de Vigo operando metropolitanamente, e por suposto a Caballero veulle de marabilla que a súa foto empapelara xornais e buzóns de todo Vigo. Iso si, pagado por todos os vigueses e viguesas coas subas de billete de transporte que logo xustifica a empresa privada Vitrasa por aumento de gastos de explotación”.
Por desgraza, agora o resultado da batalla xerada entre o goberno de Abel Caballero e a Xunta de Galicia fixo imposible a existencia dun sistema metropolitano de transporte, e as consecuencias son que o Concello de Vigo, salvo recurso que tombe a sentenza, terá que facerse cargo do 100% das bonificacións, con independencia do empadroamento.
“Finalmente, todo isto só serviu para enviar unha carta do alcalde a todos os domicilios vigueses, para imputar máis gastos pendentes de amortización no contrato con Vitrasa, e en definitiva, condicionar deste xeito o futuro do transporte cuxa concesión remata o próximo ano” conclúe Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.