Marea de Vigo critica a actitude do Goberno local na súa teima por matar todos os servizos municipais orientados á xuventude

Rubén Pérez: “Estas actuacións só amosan que este Goberno local non escoita á cidadanía, nunha actitude absolutamente antidemocrática que xa se excede do sistemático ninguneo que se lle fai á oposición. Unha praxe que ningunea ademais os propios acordos da FEMP”.
Publicado por o día 11/12/2020 na sección de Galicia,Marea Vigo,Política,Vigo

Marea de Vigo critica a actitude do Goberno local na súa teima por matar todos os servizos municipais orientados á xuventude

É xa unha evidencia que o Vigosónico polo de agora non vai volver ter actividade, e mesmo deixará de existir de non mudar a decisión do Goberno de Abel Caballero. “O destino desta instalación, de seguir na mesma senda, será o mesmo que moitos programas e servizos orientados á mocidade, como foi o caso dos servizos na Casa da Xuventude, o Punto Xove, ou o xa esquecido Súbete ao Castro” critica Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.

A decisión do Goberno local é a de non volver a licitar o servizo de apertura destas instalacións públicas, nas que ducias de grupos locais tiñan o seu espazo de ensaio. “É impresentable utilizar a escusa da covid-19 cando ademais podería terse adaptado á situación sanitaria con medidas de seguridade, ao igual que o fan escolas de música ou espazos onde se desenvolven actividades de similares características” incide o voceiro.

Do mesmo xeito, o movemento veciñal tamén está a sofrer os arbítreos dun Goberno local que “non escoita, cun alcalde que pensa que o seu criterio persoal está por enriba do criterio de moitos e moitas veciñas” apunta Rubén Pérez, tras escoitar as descualificacións por parte do rexedor local á AAVV de Teis por “ter osado”, dun xeito legal e ao amparo da lei de bases de réxime local, a facer chegar as súas propostas ao Concello sobre o uso dos remanentes, que será aprobado a semana que vén. “Non entendemos as descualificacións por parte do alcalde – apunta Rubén Pérez – . Non pode ser que a resposta dun alcalde sexa que non teñen concelleiros e que cando os teñan se dirixirá a eles, cando o movemento veciñal é plural e independente, sendo ademais unha das moitas asociacións que se dirixen ao concello tal e como sempre aconteceu”.

“Desde Marea de Vigo queremos incidir en que en democracia é normal e necesario que a cidadanía organizada presente as súas propostas e opinions sobre cuestións tan importantes como a aprobación dun orzamento”, ou, no caso deste exercicio, “sobre unha modificación orzamentaria de máis de 33 millóns de euros do remanente de tesourería para utilizar en diferentes actuacións na cidade”.

Marea de Vigo cualifica esta actitude como unha “práctica habitual de Abel Caballero”, ninguneando todos os requerimentos, peticións ou propostas, “xa non da oposición, senón de toda a cidadanía organizada, tal e como acaba de acontecer co caso da AAVV de Teis.

Comentar noticia

Your email address will not be published.