Marea de Vigo cualifica a nova tarifa da auga coma unha estafa para o comercio local

Rubén Pérez: “Alentamos ao colectivo de comerciantes da cidade, ademais de a consumidores e consumidoras, a que fagan os seus cálculos e, unha vez publicada a proposta de ordenanzas no BOP, presenten as súas alegacións”.
Publicado por o día 11/09/2020 na sección de Galicia,Marea Vigo,Política,Vigo

Marea de Vigo cualifica a nova tarifa da auga coma unha estafa para o comercio local

Esta mañá, Rubén Pérez reuniuse con comerciantes de Travesas co fin de explicar detalladamente os cambios que vai supoñer a nova tarificación da auga. No encontro, no que se fixeron varias simulacións da nova tarificación, Perez trasladou ás e os comerciantes a postura da Marea de Vigo ao respecto así como as emendas presentadas polo Grupo municipal ao proxecto de ordenanzas presentado polo Goberno local. “O Goberno local está desplazando cara ao conxunto da cidadanía unha mala xestión da auga xusto no peor momento do comercio local – matizou -, cando o que tiña que estar facendo é, alo menos para este ano 2021, unha adaptación das tarifas á situación económica, axudando deste xeito aos sectores económicos que empregan ao 65% das viguesas e vigueses”.

“Se ben era unha oportunidade para adaptar a tarifa da auga cara a un consumo responsable e sostible, así como á normativa tanto autonómica como europea, e á situación económica actual derivada da crise sanitaria da covid-19 na que moitos pequenos negocios da nosa cidade están sufrindo grandes dificultades para manterse – explicou o voceiro do Grupo municipal-; en lugar diso, o que estamos vendo é que en moitos casos, nomeadamente en pequenos negocios como perruquerías, lavanderías e incluso hostalería, nos que o consumo da auga é un elemento fundamental, coa nova tarificación non só suben os custos fixos, senón que a isto hai que sumarlle os novos conceptos (rede de sumidoiros, saneamento e depuracion) e, no caso destes negocios, o que vén supoñer unha penalización por un exceso de consumo de auga, cando a realidade é que estes altos consumos só se deben ás necesidades do propio establecemento”.

O Grupo municipal da Marea de Vigo rexistrou o pasado martes as súas emendas ás ordenanzas para o vindeiro ano, “emendas que con toda seguridade serán ignoradas por parte do Goberno local na tónica xeral dos últimos anos” lamentou Rubén Perez. Mais, ante o que desde a Marea de Vigo se cualifica coma unha “estafa” ao comercio local, “alentamos ao colectivo de comerciantes da cidade, ademais dos e das consumidoras, a que fagan os seus cálculos e, unha vez publicada a proposta de ordenanzas no BOP, presenten as súas alegacións” finalizou o voceiro municipal.

Comentar noticia

Your email address will not be published.