Marea de Vigo cualifica de absoluto cinismo a actitude do alcalde anunciando proxectos con Vodafone

Xosé Lois Jácome: “A actitude do alcalde do PSOE por desgraza xa non nos sorprende en absoluto, leva toda a lexislatura nunha profunda incoherencia co que se espera dalguén que se dí socialista cando se trata de defender os dereitos das e dos traballadores”.
Por o 18/02/2019 | Sección: Galicia,Marea Vigo,Política,Vigo
Marea de Vigo cualifica de absoluto cinismo a actitude do alcalde anunciando proxectos con Vodafone

Para a Marea de Vigo, a actitude de Abel Caballero “é indecente e absolutamente incoherente” cando, sendo coñecedor do ERE que Vodafone pretende aplicar no conxunto do Estado, no que deixaría na rúa a un total de 1200 persoas, 32 en Vigo, priorice reunirse coa empresa que coa representación sindical, para, posteriormente, anunciar un fito que “colocará a Vigo no punto de mira e atención de toda Europa” segundo as súas verbas. “O que si semella estar liderando Vigo son os múltiples conflitos laborais e EREs sen ningún tipo de reacción por parte dun Goberno local que se define como socialista” matiza Xosé Lois Jácome.

“Non chegando con isto, di o alcalde que vai pedir axudas ao Ministerio para estar dous anos e medio co proxecto. Isto é un insulto, que unha empresa que pretende deixar na rúa a 1200 persoas reciba axuda económica que, en definitiva, ven dos mesmos petos do persoal que a empresa vai despedir” explica Xosé Lois. “Esixímoslle a este Goberno local que defenda os intereses da súa veciñanza, que tamén son os desas 32 familias, e poña condicionantes estritos ás empresas, condicionantes que pasan, como mínimo, polo mantemento e mellora do emprego” matiza o concelleiro da Marea de Vigo.

Marea de Vigo apoia ao cadro de persoal de Vodafone en todas as reivindicacións que defenden así como na súa postura diante do ERE que se está negociando nestas semanas, que só ven sumarse a unha lista de agravios e medidas precarizadoras por parte desta empresa que xa veñen desde hai máis de seis anos, e convida ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, a que se sume á defensa do emprego de calidade na nosa cidade, tal e como están facendo outros alcaldes, e en concreto con respecto a este ERE, poñendo por enriba os intereses dos e das traballadoras.

Comentar noticia

Your email address will not be published.