Marea de Vigo cualifica de “desmemoria interesada” que Caballero non lembre que foi quen propuxo substituir zonas verdes por aparcadoiros en Navia

Por o 24/04/2018 | Sección: Galicia,Marea Vigo,Política,Vigo
Marea de Vigo cualifica de “desmemoria interesada” que Caballero non lembre que foi quen propuxo substituir zonas verdes por aparcadoiros en Navia
Compartir en:

O grupo municipal da Marea de Vigo lembra que en 2013 Abel Caballero propuxo máis de 500 prazas para vehículos en superficie, e moitas delas “reservadas para residentes” en zonas clasificadas no PAU como zonas verdes.

Ruben Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo, sinala que “o problema da progresión dos aparcadoiros tamén é froito da definición dos aproveitamentos urbanísticos que dimanan do acordo entre Xunta de Galicia e Concello, aproveitamentos que xa figuraban no PXOM aprobado por Abel Caballero e con 0 interese nas propostas que entón realizaron moitos colectivos veciñais”.

Segundo a Marea de Vigo, desde a aprobación en 1996 do programa de actuación urbanística de Navia ate hoxe hai varias modificacións do proxecto cando menos cuestionables que ademais contaron coa conivencia do Concello e da Xunta pero nada ou case nada coas opinións da veciñanza e residentes que denunciaban o impacto da VG-20 no ámbito, o erro de substituír as poucas reservas forestais que quedaban no polígono ou os problemas dotacionais e educativos que se xerarían no barrio coa falla dun novo IES ou un centro cultural e veciñal.

Para o grupo municipal da Marea de Vigo, son lexítimas e correctamente argumentadas as demandas veciñais que está a tramitar a AVV Novo Vigo, polo que lle pide á Xunta de Galicia unha reconsideración no tocante ao porcentaxe de zonas verdes que pasa do 20,09% proxectado na orixe do plan parcial ao 17,73% actual. Así mesmo considera necesario “redefinir o criterio de creación de 4 polígonos e a edificabilidade proposta para ‘racionalizar’ o número de aparcadoiros.

Do mesmo xeito, Marea de Vigo considera que non pode sustentarse a adscrición dos alumnos de Navia ao IES de Valadares proposta na zonificación escolar nin tampouco se pode non aclarar se se vai construír un novo IES no barrio (mesmo coa consideración da existencia dun centro concertado relixioso na zona como un condicionante para non facelo).