Marea de vigo esixe a reactivación do Consello Municipal de Accesibilidade

Oriana Méndez: “Ter morto o Consello, no que participan colectivos de persoas con diversidade funcional e que avalía a eliminación de barreiras arquitectónicas, urbanísticas, así como os aspectos de mellora da calidade de vida de persoas con discapacidade é un erro que estamos a pagar no deseño de moitas actuacións na vía pública, deseño de zonas verdes e espazos comúns”.

Marea de vigo demanda, tal e como figura no regulamento do Consello Municipal de Accesibilidade, que este órgano consultivo “emita informes previos a calquera humanización ou actuación como escaleiras eléctricas ou instalación de ascensores, e que sexan vinculantes antes do deseño e redacción dos proxectos construtivos” segundo apunta a concelleira.

Oriana Méndez sinala que “o que teñen amosado moitas actuacións urbanisticas, mesmo as autodenominadas humanizacións, é que non contaron coa convocatoria previa deste Consello, que anteriormente si realizaba informes e suxestións que melloraban as propostas de accesibilidade de tales actuacións”. A concelleira insiste en que “non se entende que as escaleiras de Gran Vía non conten coa opinión de, por exemplo, colectivos de persoas con discapacidade visual, tendo ademais a sede central da ONCE ao lado da infraestrutura, feito que permitiría avaliar a disposición de elementos como mesas, xardineiras e mesmo a configuración de accesos dun xeito integrador”.

Dende o Grupo municipal lembran que o Regulamento de Participación cidadá, aprobado definitivamente polo pleno en sesión de data 26/03/1992 establece a necesidade de crear os consellos municipais de área ou sector como órganos de participación, información, seguimento e proposta á xestión municipal. “Mais a realidade en Vigo é que nin a maioría dos Consellos fixados como obrigatorios, como o caso do Consello Municipal de Saúde, de Mocidade ou de Medioambiente se están convocando, correndo a mesma sorte que o resto dos Consellos sectoriais que foron creándose e aprobándose nos Plenos, como é o caso do Consello Social da Lingua, o Consello de Migracións ou o propio Consello de Accesibilidade”.

Marea de vigo considera “plenamente vixente” a decisión do propio Concello de Vigo que recoñecía no seu día que era evidente que a problemática que atinxe ás persoas con discapacidade é merecedora dun tratamento particularizado e especializado desde os poderes públicos, incluíndo, por parte do propio Pleno, á cidade de Vigo á Declaración de la ciudad y las personas con disminución o 24 de abril de 2000, onde se detallan os compromisos e os acordos que os concellos asumen, en función das súas competencias, con relación á integración social das persoas con discapacidade.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM