Marea de Vigo esixe que as funcións de control de tránsito e acceso ás rúas durante o Nadal sexan exercidas exclusivamente pola policía local.

Rubén Pérez: “É un grave erro organizar o Nadal entorno ao centro da cidade como unha “zona 0” á que accedan 7.000 persoas á vez diariamente segundo o plan proposto polo Goberno de Abel Caballero”.

Marea de Vigo afirma que “é ilegal que un empregado dunha empresa privada poida restrinxir, impedir ou coaccionar a ningún vigués ou viguesa para deambular polas rúas abertas ao uso público” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal. “Só un policía local, ou no seu caso policía nacional, poderá exercer estas funcións”, e lembra que a Lei 4/2007, de 20 de abril, de coordinación de Policías Locais de Galicia establece no artigo 8 que de acordo co disposto no artigo 53 da Lei de forzas e corpos de seguridade, son funcións dos corpos da Policía local as que se indican: Ordenar, regular, sinalizar, denunciar infraccións e dirixir o tráfico no ámbito da súa competencia no solo urbano legalmente delimitado, de acordo co establecido nas normas de tráfico e seguridade viaria, Policía administrativa, no relativo ás ordenanzas, bandos e demais disposicións municipais dentro do ámbito da súa competencia e vixiar os espazos públicos e colaborar coas forzas e corpos de seguridade do Estado e coa Policía de Galicia na protección das manifestacións e o mantemento do orde en grandes concentracións humanas, cando sexan requiridos para isto.

Para Marea de Vigo, as funcións que implican o exercicio de autoridade e a salvagarda de intereses xerais do Estado ou das Administracións Públicas deben ser forzosamente ser realizadas por persoal público que, ademais, teñan a consideración de funcionarias e funcionarios de carreira “tal e como figura no estatuto básico do Empregado Público e na propia Lei reguladora de Bases de Réxime Local” engade o voceiro.

Segundo Rubén Pérez, “o mellor tería sido non ter formulado nada relacionado coa participación de persoas e limitarse a instalar as luces de Nadal que figuran asociadas a un contrato pechado plurianual e que polo tanto xa está comprometido o pago e anular todo o resto de actuacións e decoracións na rúa”.

“É indispensable evitar masificacións como as que estamos a vivir estos días, cando ademais é discutible limitar o acceso e mobilidade a causa das decoracións de Nadal instaladas na vía pública. O que non é aceptable é furtar a obrigatoriedade de que sexa a policía local a que asuma en exclusividade as funcións de control do tránsito e a mobilidade da cidadanía polas rúas públicas, cando as competencias desta actividade son claramente da Policía Local” incide o voceiro.

Marea de Vigo lembra que “se ben as luces supoñen entre 800.000 ou 900.000 euros ao ano dependendo do exercicio, o gasto total de Nadal supera os dous millóns de euros en múltiples partidas que van dende a decoración, as campañas publicitarias en medios e un sinfín de gastos menores. Un nadal austero nestas cuestións e unha actitude responsable da administración local evitando o efecto chamada a encher o centro urbano sería polo que tiña que ter apostado o Goberno vigués” matiza Pérez.

Marea de Vigo será “belixerante” ante calquera idea “peregrina” de suplir funcións da policía local xa que a Lei Orgánica 2/1986, de 13 de marzo, de Forzas e Corpos de Seguridade no Artigo 53. establece tamén que: Os corpos de Policía Local deberan exercer as seguintes funcións: h) Vixiar os espazos públicos e colaborar coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e coa Policía das Comunidades Autónomas na proteción das manifestacións e o mantemento da orde en grandes concentracións humanas, cando sexan requeridos para elo, do mesmo xeito a situación excepcional da COVID-19 e a orde do 21 de Xullo do 2020 pola que a Xunta establece medidas de prevención específicas establece que o control e cumprimento das medidas corresponde ás competencias municipais en materia de seguridade, que emanan das lexislacións anteriormente citadas en materia de forzos e corpos de seguridade do estado.

Para Marea de Vigo resulta claro que o control de aforos e mecanismos informativos poden ser contratados a empresas privadas pero que “unha empresa privada non poderá en ningún caso limitar o tráfico peonil en rúas abertas ao público, como obviamente identificar nin calquera outra actividade que actúe sobre os dereitos fundamentais das persoas nas rúas públicas” finaliza Rubén Pérez.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario