O Grupo municipal da Marea de Vigo trasladará unha iniciativa ao Congreso dos Deputados e Deputadas ante as reservas plantexadas pola Autoridade Portuaria de Vigo a “permitir incluír a concesión á venta dos terreos de Vulcano ao novo proxecto de recuperación do estaleiro”.
Marea de Vigo considera que o proxecto da compañía Marina Meridional é solvente, sendo preciso facilitar administrativamente calquera iniciativa “que recupere o pulso industrial que tivo sempre a ría de Vigo”, xa que “se non hai vontade de abordalo dende a participación pública, o SEPI ou IGAPE, alomenos que os empresarios que chegan ao sector sexan verdadeiros axentes con vontade de investir en industria e emprego e non meros especuladores económicos como os que levan reinando no sector naval vigués de referencia nos últimos anos”. Para Rubén Pérez, “a excusa dirimida polo Porto, de que o novo estaleiro non herda a concesión de Vulcano ao estar extinta a sociedade é, ao noso xuízo, unha burda excusa para que a estratexia do defenestrado López Veiga siga latendo no Porto, feito que amosa que a Xunta non pretende emendarse co novo Presidente da Autoridade Portuaria”.
O plan de pagos do comprador do estaleiro será por un montante total, ate o 31 de marzo, de 7,85 millóns de euros, polo que, segundo o voceiro municipal, “estes meses son esenciais para que o proxecto chegue a bo porto, tanto na concreción do proxecto industrial como para a necesaria reincorporación do cadro de persoal da antiga Vulcano, polo que os ‘paos na roda’ que agora pon a Autoridade Portuaria poden mesmo poñer en perigo un proxecto de emprego e futuro industrial nos terreos portuarios de Teis”.
Marea de Vigo trasladará ao Congreso unha iniciativa que garanta o apoio do Goberno e do Ministerio de Industria así como a concreción dun proxecto industrial nos terreos da antiga Vulcano, que descarte a solicitude de paralización do proceso que tanto a avogacía do estado mediante a solicitude dun ditame sobre a liquidación e a inclusión no mesmo das dúbidas sobre a incorporación da concesión ate 2027 ao proceso de venda do estaleiro como a intención da Autoridade Portuaria de Vigo de poñer en “stand by” o proceso co mesmo argumento.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.