Marea de Vigo esíxelle a Autoridade Portuaria que deixe de obstaculizar o futuro industrial dos terreos de Vulcano

O voceiro de Marea de Vigo no Concello, Rubén Pérez, afirma que “non vale todo, e a Autoridade Portuaria está a amosar que funciona como un membro máis do lobby do contedor que quere seguir abarantando custos con terreos industriais. Vale máis un posto de traballo no sector da construción naval que todo o batiburrillo de actividade loxística subsidiaria de Leixões que queren montar nos terreos de Vulcano”.

O Grupo municipal da Marea de Vigo trasladará unha iniciativa ao Congreso dos Deputados e Deputadas ante as reservas plantexadas pola Autoridade Portuaria de Vigo a “permitir incluír a concesión á venta dos terreos de Vulcano ao novo proxecto de recuperación do estaleiro”.

Marea de Vigo considera que o proxecto da compañía Marina Meridional é solvente, sendo preciso facilitar administrativamente calquera iniciativa “que recupere o pulso industrial que tivo sempre a ría de Vigo”, xa que “se non hai vontade de abordalo dende a participación pública, o SEPI ou IGAPE, alomenos que os empresarios que chegan ao sector sexan verdadeiros axentes con vontade de investir en industria e emprego e non meros especuladores económicos como os que levan reinando no sector naval vigués de referencia nos últimos anos”. Para Rubén Pérez, “a excusa dirimida polo Porto, de que o novo estaleiro non herda a concesión de Vulcano ao estar extinta a sociedade é, ao noso xuízo, unha burda excusa para que a estratexia do defenestrado López Veiga siga latendo no Porto, feito que amosa que a Xunta non pretende emendarse co novo Presidente da Autoridade Portuaria”.

O plan de pagos do comprador do estaleiro será por un montante total, ate o 31 de marzo, de 7,85 millóns de euros, polo que, segundo o voceiro municipal, “estes meses son esenciais para que o proxecto chegue a bo porto, tanto na concreción do proxecto industrial como para a necesaria reincorporación do cadro de persoal da antiga Vulcano, polo que os ‘paos na roda’ que agora pon a Autoridade Portuaria poden mesmo poñer en perigo un proxecto de emprego e futuro industrial nos terreos portuarios de Teis”.

Marea de Vigo trasladará ao Congreso unha iniciativa que garanta o apoio do Goberno e do Ministerio de Industria así como a concreción dun proxecto industrial nos terreos da antiga Vulcano, que descarte a solicitude de paralización do proceso que tanto a avogacía do estado mediante a solicitude dun ditame sobre a liquidación e a inclusión no mesmo das dúbidas sobre a incorporación da concesión ate 2027 ao proceso de venda do estaleiro como a intención da Autoridade Portuaria de Vigo de poñer en “stand by” o proceso co mesmo argumento.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM