Marea de Vigo espera que a transferencia da AP-9 que se vai aprobar hoxe no Congreso signifique comezar a traballar cara á nacionalización da autoestrada

Rubén Pérez: “Calquera medida que non quite e Audasa da xestión da infraestrutura, é un parche”.
Publicado por o día 02/02/2021 na sección de Galicia,Marea Vigo,Política,Vigo

Marea de Vigo espera que a transferencia da AP-9 que se vai aprobar hoxe no Congreso signifique comezar a traballar cara á nacionalización da autoestrada

O Grupo municipal da Marea de Vigo ofreceu hoxe martes unha rolda de prensa para valorar o debate sobre a transferencia da AP-9. O voceiro municipal cualificou o día como “histórico” posto que “acábase por fin co bloqueo exercido polo Partido Popular dende o ano 2011”.

Rubén Pérez apelou á relevancia da cidade de Vigo neste debate, convidando ao Goberno local a comprometerse coa reversión da AP-9 ao público. “Queremos que Vigo, como cidade especialmente agraviada, comece a reclamar dun xeito vehemente unha AP-9 100% pública e sen peaxes en ningún tramo. Esperamos ademais que no vindeiro debate plenario do Concello se pida a nacionalización”.

No pasado Pleno, Marea de Vigo presentou emendas a unha moción do BNG que ían encamiñadas, tanto a non aceptar a solicitude de ampliación concesional por parte de Audasa máis aló do 2048 solicitada xa formalmente pola concesionaria polo impacto da COVID-19 como a proceder de inmediato ao proceso de nacionalización da AP-9, así como a súa transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia, debate que se está dando agora mesmo no Congreso dos Deputados e Deputadas. “Sabemos que Audasa vai pretender ampliar esa concesión ou cobrar unha indemnización pola merma de viaxes durante a situación COVID, non deixando de facer negocio a costa de recursos públicos, por isto é fundamental comezar xa a dar o debate para recuperar a autoestrada para o público” matizou Rubén Pérez.