A moción da Marea de Vigo destaca a función do sector industrial ligado á construción naval coma un dos motores económicos da cidade dende hai máis de cen anos, “especialmente a partir do século XIX – sinala Rubén Pérez – coa transformación dos estaleiros de ribeira, especializados na construción de embarcacións de madeira, en estaleiros que construían xa con motorizacións de vapor (construción de caldeiras inicialmente) e posteriormente xa con barcos construídos na súa integridade en aceiro”.
Marea de Vigo afirma que os estaleiros vigueses viven unha situación dramática, dende o ano 2004 ate o 2019 os 7 estaleiros insignia de Vigo: Freire, Armón, Barreras, Metalships, Vulcano, Cardama e Nodosa, pasaron dun persoal fixo de 806 empregados/as a 513, con miles de empregos anexos ligados á precaridade e eventualidade do sistema de contratas auxiliares (máis de 2500 traballadores e traballadoras repartidas en 60 empresas actualmente) e cunha presencia de empresas auxiliares estranxeiras (portuguesas, lituanas, e mesmo gregas que practican dumping nos custos laborais de xeito preocupante).
A moción tamén denuncia que neste 2019 a situación dos dous estaleiros referenciais, Vulcano e Barreras, volveuse insostible, o primeiro xa en liquidación despois de máis de 100 anos de actividade ligada a construción naval e o segundo en perigo por unha xestión nefasta dos accionistas novos e vellos con complicidade absoluta da Xunta de Galicia e en diversas etapas do goberno central aínda que con especial culpabilidade no proceso de privatización de finais da década dos 90.
Marea de Vigo instará ao Concello de Vigo a convocar con urxencia o CONSELLO ECONÓMICO E SOCIAL da cidade co obxectivo de liderar e organizar unha gran mobilización cidadá polo futuro do sector naval e especialmente polo futuro industrial de Vulcano e Barreras, do mesmo xeito que tamén insta a blindar o uso industrial dos terreos que ocupan actualmente os estaleiros vigueses evitando usos diferentes ou mesmo especulativos no futuro Plan Xeral de Ordenación Urbana.
No eido galego, a moción insta á Xunta a asumir o seu papel como instrumento dinamizador da industria naval, especialmente no papel de avalista e financiador de buques no momento no que os estaleiros van a ofertar nos concursos nacionais e internacionais, a reforzar a FP e a formación laboral relacionada co sector, evitar os usos portuarios ou ligados ao Porto de Vigo nos terreos que actualmente ocupa Vulcano en Teis e a realizar un estudo serio e rigoroso para alentar unha renovación da frota pesqueira galega – que actualmente supera os 30 anos – co obxectivo de que esta sexa realizada nos estaleiros vigueses.
Pola súa banda, Marea de Vigo insta ao Goberno do estado a reformular o instrumento público-privado PYMAR, recuperando un mecanismo 100×100 público que permita financiar ao sector naval previa declaración de SECTOR ECONÓMICO ESTRATÉXICO, tal e como teñen feito outros países europeos.
Noticias de última hora en Vigo