Marea de Vigo levará ao Pleno deste mes unha moción en defensa do Sistema Público de Pensións e pola retirada do PEPP

Marea de Vigo levará ao Pleno deste mes unha moción en defensa do Sistema Público de Pensións e pola retirada do PEPP (Produto Paneuropeo de Pensións Individuais).
Publicado por o día 20/09/2018 na sección de Galicia,Marea Vigo,Política,Vigo

Marea de Vigo levará ao Pleno deste mes unha moción en defensa do Sistema Público de Pensións e pola retirada do PEPP

Marea de Vigo comparte as reivindicacións da plataforma, e apoia todas as accións que se leven a cabo para poder frear a proposta de regulamento do PEPP, cuestión na que se centra a moción que defenderá no vindeiro Pleno. Do mesmo xeito, tamén insiste na necesidade de que o goberno do PSOE no Estado (tamén demandado pola plataforma) se pronuncie claramente a favor da subida das pensións segundo o IPC xunto á petición de derrogación das reformas das pensións do 2011 do PP e 2013 do PSOE.

No texto da moción explícanse varios dos motivos polos que o PEPP non debe ser aprobado, comezando pola consideración de que se trata dunha ferramenta para a acumulación de capital en lugar dun instrumento de protección social, ao ter este o obxectivo da creación dun mercado de capitais europeo ao afirmar que un mercado de pensións impulsaría a achega de fondos de investimento.

Aprobar o regulamento do PEPP implicaría asumir que as pensións públicas non son suficientes e polo tanto, o sistema público de pensións non sería unha prioridade á hora de ser obxecto das medidas necesarias para garantir a súa estabilidade, producindo un desvío de cotizacións sociais cara as empresas privadas. “É fundamental ser conscientes dos promotores do PEPP: bancos, compañías de seguros, xestores de activos, fondos de pensións de emprego e empresas de investimento”.

O grupo municipal da Marea de Vigo polo tanto pedirá no Pleno que se asuman unha serie de acordos orientados ás representantes políticos nas diferentes institucións públicas, para instarlles a, desde a capacidade de cada unha delas, leven a cabo as accións necesarias para poñerlle freo á proposta de regulamento do PEPP e tomen as medidas necesarias para que os sistemas de pensións públicas garantan unhas pensións dignas e suficientes.