Marea de Vigo levará ao vindeiro pleno unha moción polo correcto funcionamento do servizo de Protección Civil

Rubén Pérez: “Unha cidade como Vigo, onde se organizan multitude de eventos que contan con gran participación, require dunha Agrupación de Voluntarios e Voluntarias de Protección civil acorde ás súas necesidades”.
Por o 23/11/2018 | Sección: Galicia,Marea Vigo,Política,Vigo
Marea de Vigo levará ao vindeiro pleno unha moción polo correcto funcionamento do servizo de Protección Civil

Para a Marea de Vigo, o acontecido no pasado mes de agosto co accidente de O Marisquiño pon de relevo a necesidade de coordinar todos os servizos de emerxencia dun xeito óptimo, cara a prever e paliar, na medida das posibilidades, os posibles accidentes ou catástrofes que poidamos sufrir na nosa cidade no futuro. Baixo esta afirmación, o grupo municipal da Marea de Vigo tamén se cuestiona a organización que o Goberno local ten feito para os vindeiros días de Nadal, en referencia ás posibles aglomeracións que se poden chegar a dar en certas zonas da cidade, preguntándose, en palabras de Rubén Pérez “se esas 100 persoas voluntarias de protección civil das que falou o Alcalde, contan coa formación e medios suficientes para poder levar a cabo a súa labor tal e como lles corresponde. Tal e como vén de recoñecer o Director Xeral de emerxencias de Galicia na Comisión de Investigación do accidente de O Marisquiño, o Concello de Vigo segue sen actualizar o seu Plan de Emerxencias e segue sen considerar ao servizo de Protección Civil como elemento substancial do mesmo” matiza o voceiro municipal.

O grupo municipal da Marea de Vigo levará ao Pleno do vindeiro mércores unha moción na que se pedirá instar á directiva da Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil o cumprimento do regulamento, tras as varias denuncias feitas por parte de persoal voluntario durante os pasados anos. “Estas denuncias fóronnos trasladadas no seu día e preguntamos no Pleno, mais o Goberno local non tivo en conta esta situación e nada cambiou nos últimos anos, incluso houbo sancións a varias persoas voluntarias que consideramos non axudan ao bo funcionamento do servizo – explica Rubén Pérez – é necesario xa nesta altura tomar en serio desde esta Corporación Municipal, xa que o Concello é o máximo responsable do bo desenvolvemento deste servizo”.

“Esta circunstancia viu motivada no seu día trala dimisión da persoa que ocupaba o posto de Tesoureiro da Agrupación. Nese momento parte do voluntariado entendía que era necesaria unha nova convocatoria de eleccións á Xunta Directiva, ao funcionar o seu sistema electoral a través de listas pechadas con tres membros para os tres cargos que existen na propia xunta, mais esas eleccións non se convocaron e a Agrupación segue sen a figura do Tesoureiro, incumprindo o propio regulamento” detalla Rubén Perez.

Marea de Vigo pedirá no Pleno que se cumpra o regulamento, e en concreto, o artigo que mandata á presidencia á convocatoria dunha asemblea anual a modo de Moción de Confianza, asemblea que tiña que ser convocada nos tres primeiros meses do ano e, a data de hoxe, case rematado o ano, non tivo lugar. Na asemblea realízase un balance da xestión e as propostas de actuación para o vindeiro ano, someténdoo á votación, e, de non conseguir a aprobación por parte da maioría, provocaría a dimisión inmediata e convocatoria de novo proceso electoral. “Isto pode supoñer unha solución, se a asemblea soberana aproba a xestión, a directiva queda lexitimada, mais se non é así, sería un xeito de volver a escoller unha xunta directiva que contase coa totalidade dos seus membros” conclúe Rubén Pérez.

Noticias de última hora en Vigo

Una respuesta para "Marea de Vigo levará ao vindeiro pleno unha moción polo correcto funcionamento do servizo de Protección Civil"

  1. Gamela   23/11/2018 at 22:08

    Rubén non ten nada que dicir deste convenio ?
    https://sede.vigo.org/expedientes/avisos/convenios.jsp?id=504&lang=ga

    Responder

Comentar noticia

Your email address will not be published.