Marea de Vigo pedirá a creación dun Plan Director do Arboredo para cidade de Vigo no vindeiro Pleno

Oriana Méndez: “Hai que eliminar para sempre a política de tallas innecesarias que ameazan dende hai uns anos ás árbores de Vigo. E as dinámicas de polarización política por parte do Goberno local, acusando á oposición como responsable das críticas cidadás a estas actuacións antiecolóxicas, deben rematar”
Publicado por o día 15/01/2021 na sección de Galicia,Marea Vigo,Política,Vigo

Marea de Vigo pedirá a creación dun Plan Director do Arboredo para cidade de Vigo no vindeiro Pleno

Marea de Vigo propón un Plan Director baseado na conservación do patrimonio arbóreo e a biodiversidade que garanta un aumento das zonas verdes peonís na cidade, a concreción dun Plan de Protección do Patrimonio Histórico e Natural do monte do Castro e medidas para evitar “actuacións perniciosas” como o acontecido na ribeira do Lagares ao seu paso por Cabral.

Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo, trasladou hoxe o posicionamento da Marea de Vigo con respecto ás políticas medioambientais relacionadas coas zonas verdes da cidade, no que se basea a moción da Marea para o vindeiro Pleno. “Dende a Marea de Vigo defendemos un arboredo urbano que viva coa cidadanía contribuíndo á mellora da calidade de vida presente e futura. Porque o o conxunto arbóreo urbano debe ser, de vez, unha infraestrutura verde da cidade e un recurso natural que contribúa a engrandecer a nosa cidade grazas aos servizos ambientais e sociais que proporciona á poboación actual e ás xeracións futuras” destacou a concelleira.

“Ata agora, as denuncias das organizacións ecoloxistas, veciñais e tamén políticas que, como a Marea de Vigo, vimos reclamando ao Goberno local o cese de tallas e de traslados innecesarios e arriscados para as arbores non foi escoitada. Pero o clamor está na cidadanía de Vigo: o Concello de Vigo debe impulsar a conservación do patrimonio verde” apuntou Oriana Méndez.

Na moción, Marea de Vigo reflicte “a necesidade de avanzar no coñecemento das árbores no seu conxunto, e de cada especie en particular, para planificar así, xestionar e manter con garantías o patrimonio arbóreo da cidade”. O Grupo pedirá que o Pleno aprobe, entre outros acordos, mecanismos de participación da cidadanía “contemplando as ferramentas para acadar esa participación comunitaria e os espazos de participación no coidado das árbores mediante a educación ambiental e campañas de comunicación e de información”, reiterando, segundo a concelleira, “o concepto de comunicación e de información, e non de propaganda”.

Marea de Vigo considera que cómpre ademais “planificar o aboredo como unha infraestrutura verde que se extende por toda a cidade, de maneira semellante a como fan o resto de infraestruturas e servizos urbanos”. “Deste xeito – engade Oriana Méndez – evitaríanse actuacións perniciosas, como as tallas masivas no centro da cidade ou o acontecido na ribeira do Lagares no seu paso por Cabral tras a actuación da directiva da Comunidade de montes sobre o curso do rio lagares para construir un paseo”.

Alén do exposto, a moción tamén pretende fixar actuacións para “garantir a saúde e o óptimo desenvolvemento das árbores mediante un control integrado de pragas e enfermidades para evitar así as tallas posteriores xustificándoas como irremediables así como a calidade e espazo do solo, así como a reducción das accións de podas ás imprescindibles, dando lugar a un arboredo de calidade e con todas as garantías de seguridade para a cidadanía”.