Marea de Vigo pide acelerar a vacina anti-covid no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) por ser un sector especialmente vulnerable tanto para o persoal como para ás persoas usuarias

Oriana Méndez: “Esperamos que o Goberno local non teña a desfachatez de escudarse no carácter concesional do servizo, en mans de DOMUS VI, cando a responsabilidade final da xestión do servizo é da administración local”.

Marea de Vigo cualifica como “incomprensible” que desde o mes de outubro non se faga un cribado de probas PCR ás traballadoras do SAF, “tratándose de persoal moi vulnerable, persoal que está indo aos domicilios e tratando directamente con diferentes persoas maiores a diario” sinala Oriana Méndez.

O Grupo municipal considera ademais que as medidas con respecto á COVID e ao proceso de vacinación deben ser extensibles ao resto de persoal de Servizos Sociais Municipais que trate directamente nos domicilios, “como acontece en ocasións cos Traballadores/as Sociais, educadores ou por exemplo o persoal concesionado no servizo de Intervención Familiar” apunta Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo.

Do mesmo xeito, Oriana Méndez insiste no dito onte: “para valorar todas estas medidas relativas á COVID na cidade, cómpre convocar, por unha banda, a todos os grupos da Corporación co obxectivo de que estes sexan partícipes das medidas que se decidan tomar así trasladar as súas propostas, e, pola outra, ao Consello Municipal de Saúde, no que, ademais dos grupos políticos, participen expertos da saúde e asociacións que teñan implicación no eido da sanidade” .

O Consello Municipal de Saúde é un dos consellos de obrigada creación no Concello de Vigo, segundo o artigo 41 do Regulamento de Participación Cidadá, que establece os organismos mínimos de participación que teñen que ser existir na institución municipal. “Ignorar o Regulamento de Participación e non crear espazos onde a cidadanía e o asociacionismo teñan un papel que xogar só amosa o baleiro democrático que levamos denunciando dende a pasada lexislatura, unha actitude xa habitual por parte do Goberno de Abel Caballero” conclúe a concelleira.

Marea de Vigo demanda urxentemente o tratamento das traballadoras do SAF dun xeito análogo ao persoal sanitario no relativo ás medidas COVID e o proceso de vacinación e pídelle ao Concello que eleve a petición ao SERGAS, tal e como o trasladou hoxe nas Comisións Informativas.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM