Marea de Vigo pide o inventariado e catalogación urxente de todos os elementos patrimoniais retirados da vía pública

Oriana Méndez: ”Como acontece coas varandas de Jenaro de la Fuente, retiradas da balconada da rúa Lepanto, no parque móbil de Lavadores existen ducias de elementos de valor patrimonial evidente amoreados sen control, en moitos casos ao aire libre e sen inventario actualizado”.
Publicado por o día 26/01/2021 na sección de Galicia,Marea Vigo,Política,Vigo

Marea de Vigo pide o inventariado e catalogación urxente de todos os elementos patrimoniais retirados da vía pública

Foto de Vigo Vindeiro @VigoVindeiro

Marea de Vigo considera que o proceso de demolición do paso elevado sobre a Rúa Alfonso XIII “foi unha auténtica chapuza”. A retirada das balaustradas de pedra e dos elementos metálicos “foi realizada con maquinaria esnaquizando gran parte dos elementos e sen ningún coidado, pese mesmo a que diversos colectivos patrimonialistas preavisaran da importancia arquitectónica de todo o conxunto, proxectado por Jenaro de la Fuente” sinala Oriana Méndez.
O seu posterior traslado ás dependencias do parque móbil sen inventario nin catalogación “súmase ás ducias de elementos patrimoniais retirados das vías públicas como os populares farois fernandinos, actualmente amontoados e desmontados no parque móbil; unha instalación municipal que se desmantela pouco a pouco, con cada vez menos persoal e onde xa se teñen producido roubos como aconteceu en maio de 2017” engade a concelleira.

Segundo Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo, “non é de recibo que nos mesmos emprazamentos onde apodrecen ducias de vehículos retirados de uso municipal ou entregados polas concesionarias ao rematar o servizo útil, sexan abandonados elementos patrimoniais de alto valor histórico pero tamén de valor sentimental de miles de vigueses e viguesas que lembran como vestían as rúas da cidade antes do pretendido modernismo contemporáneo dos elementos das actuais humanizacións”. Marea de Vigo lembra que urbanísticamente en toda Europa o valor das humanizacións é recuperar os elementos patrimoniais “e en calquera capital europea os proxectos son deseñados para, precisamente, preservar o valor etnográfico e patrimonial dos elementos preexistentes”.

Marea de Vigo esixe o inventario urxente das pedras do antigo colexio alemán e outros edificios patrimoniais de pedra que unha vez desmontados foron trasladados a estas instalacións, inventario que fai extenso as do chalé Agarimo que permanece abandonado dende hai lustros nunha finca na parroquia de Beade.

Para esta función de conservación, inventario, catalogación e posta en valor dos elementos patrimoniais, o Grupo municipal pide, en palabras de Oriana Méndez, “aumentar e dignificar o traballo do persoal municipal cuxo centro de traballo é o parque móbil de Santa Cristina, cada vez máis exiguo, con servizos externalizados na súa maior parte (non existen soldadores a pesar de existir un taller nas propias instalacións, como exemplo) e coa ameaza permanente da privatización total do propio parque e os servizos públicos dependentes do mesmo”.