O grupo municipal da Marea de Vigo afirma estar acordo coa creación de novas prazas para Benestar Social, “necesarias dende hai anos, e sobre as que o propio grupo municipal da Marea de Vigo demandou en varias ocasións, incluso levando unha moción ao Pleno na que se pedía cumprir o ratio de persoal de traballo social por habitante – explica Xosé Lois Jácome, concelleiro do grupo municipal da Marea de Vigo – mais sendo necesarias moitas delas, como estas, e sendo tamén necesarias as transformacións para poder levalas a cabo a causa dos impedimentos que provocados polo fixado no teito de gasto, pedímoslle ao presidente da FEMP que traballe precisamente para que os concellos, como o noso, completamente saneado, poida empregar o superávit para estas cuestións, sen eliminar prazas que garanten un bo funcionamento dos servizos públicos, como son moitas das eliminadas”.
O grupo municipal da Marea de Vigo quere resaltar ademais a situación na que queda o Parque Móbil tras a eliminación de varios postos e pídelle ao Goberno local que aclare que vai acontecer alí, onde “desaparecen varios postos que xa viñan sendo necesarios dende hai anos e semella que podería responder a unha privatización, xa que, existindo a necesidade, seguramente se recorrerá a empresas externas, cuestión que non compartimos en absoluto” engade Xosé Lois Jácome.
Por outra banda, Marea de Vigo tamén afirma que “para este Goberno local, unha vez mais, semella que as cuestións relacionadas coa cultura neste Concello sempre son secundarias e sempre son as primeiras que se sacrifican por un suposto ‘ben común’, tal e como tamén reflicten varias transformacións dos postos. Elimínase o posto de director/a do VERBUM e da EMAO, xunto á de mestre/a de Lutería, todo na mesma liña que parece ter o Goberno local cando se trata de fomentar a formación cultural na nosa cidade” conclúe Jácome.
Noticias de última hora en Vigo