Marea de Vigo propón reclamar máis competencias en Educación para os concellos e deste xeito poder adecuar as planificacións a cada realidade concreta

O Programa Vivo desta formación propón aumentar as bolsas municipais para subvencionar comedores escolares e garantir o acceso de todo o alumnado, así como crear talleres para ofertar nos horarios extraescolares
Publicado por o día 21/05/2019 na sección de Galicia,Marea Vigo,Política,Vigo

Marea de Vigo propón reclamar máis competencias en Educación para os concellos e deste xeito poder adecuar as planificacións a cada realidade concreta

A candidatura da Marea de Vigo proporá que o Concello reclame maiores competencias en Educación para as Administracions locais, que na actualidade son moi limitadas, e así poder adecuar as programacións ás diferentes realidades territoriais. Segundo manifestou hoxe o candidato á Alcaldía da Marea de Vigo, Rubén Pérez, “a Educación é unha peza fundamental para a convivencia e o fomento dunha cultura democrática participativa, xusta e solidaria”. Por iso a Marea de Vigo proporá unha programación específica de talleres en horario extraescolar sobre educación viaria, educación ética e social, educación para a cidadanía, educación para a saúde, educación ambiental ou educación sexual. Rubén Pérez suliñou que Marea de Vigo proporá unha ampliación das bolsas municipais para subvencionar os comedores dos colexios públicos até acadar que ningún neno ou nena quede sen a posibilidade de acceder a este servicio básico.

Pola súa banda, o candidato número tres da Marea de Vigo, Xaquín Pastoriza, que é profesor de Historia, participou hoxe nun debate sobre os programas das diferentes candidaturas de Vigo en materia de Educación convocado pola organización Erguer, “Estudantes da Galicia”.

Pastoriza lembrou que Vigo é unha cidade cunha poboación de 300.000 habitantes moi repartidos en núcleos de poboación de barrios e parroquias alonxadas do centro e soamente conta con dúas bibliotecas públicas. O candidato da Marea de Vigo defendeu que as bibliotecas públicas son “unha dotación básica para garantir a igualdade de acceso á educación e á cultura”. A creación dunha rede de bibliotecas nos barrios é unha das prioridades da Marea de Vigo. Xaquín Pastoriza sostivo que é necesario que no pleno haxa voces suficientes para poder sacar adiante iniciativas como esta, que até o de agora non foron tidas en conta por quen gobernaba.

O Programa da Marea de Vigo en materia de educación tamén propón a creación de programas dirixido a profesionais da pedagoxía de integración laboral para persoas con discapacidade psíquica, física ou sensorial, así como facilitar o acceso á formación continua de docentes e ANPAS para acceder ás novidades en materia educativa.