Marea de Vigo rexistra a súa emenda á totalidade ao proxecto orzamentario do 2019

Rubén Pérez: “O xogo de sumar importes que logo non se executan está impedindo ver con claridade cal é o problema real da política orzamentaria deste concello e porque non se executan correctamente as inversións cada ano. A data de peche do terceiro trimestre deste ano 2018, a execución dos investimentos non chegaba ao 10%”.
Por o 08/11/2018 | Sección: Galicia,Marea Vigo,Política,Vigo
Marea de Vigo rexistra a súa emenda á totalidade ao proxecto orzamentario do 2019

Dende o inicio da lexislatura, Marea de Vigo vén reclamando outra práctica política por parte do Goberno local do PSOE á hora de abordar a configuración dos orzamentos locais. “A existencia de maiorías electorais non significa un traslado de maiorías sociais e moito menos de consensos amplos se previamente non se traballa na cidade informando e deseñando as partidas orzamentarias co conxunto da sociedade e o tecido asociativo da nosa cidade” engade Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo.

Marea de Vigo afirma que “en diversos concellos no conxunto do Estado xa se teñen articulado mecanismos participativos co obxectivo de implicar á cidadanía na toma de decisións sobre os orzamentos do seu propio concello, conforme ademais ao código de bo goberno da FEMP que preside o mesmo Abel Caballero, onde di claramente que nos concellos que forman parte da entidade se aplicarán os orzamentos participativos como ferramenta de mellora da participación da cidadanía”.

Para a Marea de Vigo, e tal e como o cualifican na emenda, o proxecto orzamentario presentado polo Goberno do PSOE “volve conter os mesmos vicios de proxectos orzamentarios anteriores”, xa que, segundo o voceiro do grupo municipal, Rubén Pérez, “está formulado sobre un suposto factor expansivo no capítulo de gasto social” cando os propios datos do INE continúan a colocar a Vigo como a cidade galega con maior taxa de poboación en risco de pobreza. “Semella que este proxecto orzamentario parece non ter analizado en que momento se atopa a cidade de Vigo. Por unha banda, no relacionado co emprego e na necesidade de darlle cobertura en canto a recursos públicos ás miles de familias en risco de exclusión social que diariamente abarrotan as dependencias municipais en busca de axudas sociais, e pola outra, con respecto ás necesidades dos barrios con respecto ás dotacións existentes e a previsión de futuras”.

Do mesmo xeito, o grupo municipal da Marea de Vigo cualifica como un “uso electoralista” o anuncio de conxelación no capítulo de ingresos por prezos e taxas públicas, xa que, segundo Marea de Vigo, “é unha postergación das subas do IPC para seguintes anos” tal e como xa aconteceu no 2015, “isto é facer un uso electoralista de algo tan importante para a cidadanía como os orzamentos do Concello de Vigo” afirma Rubén Pérez.

Marea de Vigo tamén incide no relacionado á situación do Auditorio Mar de Vigo nos Orzamentos para o 2019, por unha banda, por non prever o impacto do pago da débeda e pola outra, pola consignación de 500.000 euros a un convenio para a promoción de actividade cultural no auditorio Mar de Vigo a unha empresa no seu día contratada pola UTE quebrada. “Ao non existir a UTE, non pode ser asignado deste xeito este montante, sen concorrencia e sen posibilidade de optar a participar a outras empresas do sector da xestión cultural” engade Rubén Pérez.

Finalmente, Marea de Vigo vén afirmar na súa emenda e a modo de resumo da súa consideración sobre o proxecto orzamentario, que “un concello que consigna case 18 millóns de euros para investimentos en obras públicas (fomento) e apenas 90.000 euros en Museos, 95.000 en patrimonio histórico, 32.500 en bibliotecas e arquivos, ou 440.000 en acción social, ten un problema serio de prioridades de gasto e dista moito de chamarse progresista”.

Noticias de última hora en Vigo

Una respuesta para "Marea de Vigo rexistra a súa emenda á totalidade ao proxecto orzamentario do 2019"

  1. Gamela   09/11/2018 at 6:19

    Marea de Vigo leva 4 anos bailándolle as augas a Abel Caballero… votando a favor da venda dos 40 pisos de propiedade municipal e mirando para outro lado ante a Acampada contra a Pobreza que leva un ano e oito meses á porta do Concello !!!

    Marea de Vigo é unha marca branca MANIPULADA por Rubén Pérez (autoproclamado líder para seguir outros catro anos facendo que fai… e chupàndo do bote da Alcaldía!)

    https://i.gal/gamela03

    Responder

Comentar noticia

Your email address will not be published.