Marea de Vigo vén de rexistrar unha “moción pola saúde da lingua galega”, na que o grupo insta ás diferentes administracións a cumprir a lexislación en canto ao uso da lingua, a súa promoción e o orzamento necesario. Ante as recentes manifestacións por parte da dereita co gallo da reforma educativa, a formación municipalista afirma que “A supervivencia do castelán en todo o estado non está en perigo, os datos son teimudos e a realidade o é máis. Mais constatamos cos nosos propios ouvidos que a supervivencia do galego si que está en perigo, e estao na nosa cidade, en Vigo” afirma Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo.
“Malia toda a lexislación existente en materia de normalización e dinamización lingüística – prosigue a concelleira -, as vulneracións reiteradas desta normativa e a ausencia de investimento en políticas eficaces que favorezan o uso do galego semellan estar detrás dunha situación na que preto do 75% da rapazada galega, entre os 5 e os 14 anos fala só castelán, ou máis castelán que galego”.
Máis concretamente, no caso da nosa cidade, e segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, Vigo é a cidade na que menos uso se fai do galego. Só un 15,4% da poboación daría a suma de ‘só galego’ e ‘máis galego que castelán’ no seu uso lingüístico. “Polo tanto, a evolución dos últimos anos apunta cara a conclusións demoledoras. Todos os estudos sinalan o que calquera veciña pode percibir na rúa: o uso do galego será residual ou anecdótico para as vindeiras xeracións de vigueses e viguesas” incide a concelleira.
Ante isto, desde Marea de Vigo “propoñemos unha moción cunha serie de acordos que consisten en instar á Xunta á restitución do orzamento recortado durante os últimos 10 anos, incrementando as partidas dirixidas a promoción da lingua, a derrogar o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia e ao cumprimento do disposto no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega” explica Oriana Méndez. Do mesmo xeito, Marea de Vigo insta ao Goberno local a cumprir a Ordenanza de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, relativo ao uso do galego por parte dos cargos institucionais no seu exercicio do cargo e á Concellería responsable á convocatoria do Consello Social da Lingua, órgano do Concello para o asesoramento en política lingüística.
Noticias de última hora en Vigo