Marea de Vigo solicitará a ampliación da declaración de Espazo Natural de Interese a toda a desembocadura do Lagares

Marga L. Barreiro: “O documento en exposición pública na Xunta non recolle a necesidade de incluír as praias da Fontaíña e Calzoa e o tramo final da desembocadura do Lagares, espazos cunha alta biodiversidade de aves que empregan esta zona como zona de descanso no caso das migratorias e mesmo de cría, limitándose ao complexo dunar e areal do Vao-Baluarte”.
Por o 09/01/2019 | Sección: Galicia,Marea Vigo,Política,Vigo
Marea de Vigo solicitará a ampliación da declaración de Espazo Natural de Interese a toda a desembocadura do Lagares

O Grupo municipal da Marea de Vigo lembra que dende que se iniciara en 2008 por parte do Concello de Vigo a solicitude para declarar ENIL (Espazo Natural de Interese Municipal) a toda esta zona, se teñen tomado decisións que alteraron substancialmente o propio espazo, ademais de que se levaron a cabo cambios nas leis ambientais e no seu trámite que favorecen que sexa oportuno reconsiderar o ENIL e amplialo máis aló da divisoria entre a Praia do Bao e a Fontaíña. “Existe unha clara continuidade do complexo dunar, non só nos elementos orográficos senón tamén nas tipoloxías de especies animais e vexetais que xustifican esta ampliación” matiza Marga L. Barreiro, concelleira do Grupo municipal da Marea de Vigo.

Marea de Vigo preparará unha alegación ao plan, actualmente en tramitación por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Esta alegación vén motivada pola necesidade de rexenerar e valorizar a escasa zona húmida que queda da Xunqueira do Lagares de darlle contido unitario a un ecosistema costeiro e dunar único.

Marea de Vigo considera ademais, en relación á mesma zona, e precisamente polo impacto que tivo no pasado ano,  que “o Goberno municipal e en concreto, a Área de medio ambiente, debe volver a desenvolver, desde o inicio, o proxecto de zonas de esparexemento canino tras o fracaso do ano pasado, fracaso tanto en materia de benestar animal, medioambiental e mesmo nos aspectos relacionados coa convivencia e o coidado do entorno” explica Marga L. Barreiro.

Para a Marea de Vigo, volver a desenvolver o proxecto da zona de esparexemento canino é unha necesidade desde os diferentes puntos de vista. Desde a óptica medioambiental, diversas asociacións ecoloxistas o cualificaron como “desastre ambiental” dados os datos expresados no último censo de aves (realizado pola asociación ecoloxista Fontaíña), no que baixou considerablemente a presenza de especies que empregaban esta zona como descanso migratorio. Desde o punto de vista da mellora das políticas de benestar animal e a óptima convivencia entre a veciñanza da zona e as persoas que, xunto aos seus cans visitaron as praias de Foz e Calzoa no ano pasado, os conflitos xerados no pasado verán son máis que suficientes como para xustificar un novo proxecto.

Comentar noticia

Your email address will not be published.