Marea de Vigo traballará, desde xa, e coma un axente máis, para agrandar a confluencia de cara ás eleccións galegas

Publicado por o día 23/12/2015 na sección de Marea Vigo,Política

Marea de Vigo traballará, desde xa, e coma un axente máis, para agrandar a confluencia de cara ás eleccións galegas

As pasadas eleccións xerais abriron un tempo novo no estado e no noso país.

En Galicia, os resultados de En Marea, coalición formada por Anova, Esquerda Unida e Podemos e apoiada por moitas candidaturas de unidade popular e mareas muncipalistas -entre elas a Marea de Vigo- demostrou que a suma multiplica, acadando uns resultados mellores que os da media das forzas do cambio no resto do Estado.

Os galegos e as galegas situaron como segunda forza do país a unha candidatura que se presentaba disposta a “mudalo todo para que nada siga igual” e que brandía a cooperación entre a esquerda social e a esquerda política coma un valor irrenunciable.

As xentes que conformamos a Marea de Vigo, así coma os nosos cargos institucionais, volcámonos coa candidatura de En Marea; por iso celebramos que a cidadanía de Vigo apoiase a coalición de xeito masivo.

En Marea é a forza máis votada en Vigo, con máis de 56.000 votos, 10.000 por riba do Partido Popular e 20.000 por riba do PSOE, conseguindo o 33,8 % do sufraxios.

Vigo é, con gran diferenza, a cidade que obtivo os mellores resultados de toda Galicia.

Pero En Marea é tamén a forza máis votada en varias vilas da ría de Vigo como, por exemplo, en Cangas do Morrazo, Moaña ou Redondela; vilas que, xuntas, achegaron uns 20.000 votos para a candidatura de En Marea.

A Marea de Vigo quere felicitar a todas as persoas e organizacións que contribuíron a acadar estes resultados históricos. Uns resultados que levarán a Alexandra Fernández, compañeira e traballadora incansable na Marea de Vigo, a incorporarse ao Grupo Parlamentar Galego de En Marea que se constituirá no Congreso dos Deputados.

Dende a Marea de Vigo asumimos o reto inmenso que transladan os resultados do pasado 20 de decembro. En Marea marca o camiño a seguir para os próximos comicios e a Marea de Vigo traballará, desde xa, e coma un axente máis, para agrandar a confluencia de cara ás eleccións galegas.

Para iso, a Marea de Vigo convocará, en vindeiros días, unha asamblea co fin de deseñar as liñas de acción que levaremos a cabo para que as xentes da nosa cidade participen na conformación, aberta e democrática, dunha gran candidatura de confluencia para as eleccións galegas.

PRENSA MAREA DE VIGO