En Marea debate coas protectoras a futura Lei de Protección e Benestar Animal

Francisco Casal: “Logramos melloras coma a prohibición de ter atados os animais durante todo o día, pero aínda hai moito que traballar”.
Publicado por o día 21/07/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política

En Marea debate coas protectoras a futura Lei de Protección e Benestar Animal

O responsable da área de Benestar Animal de En Marea, o deputado Francisco Casal, mantivo esta tarde no Parlamento de Galicia unha xuntanza con representantes de 33 protectoras e asociacións para debater o contido do Proxecto de Lei de Protección e Benestar Animal redactada pola Xunta de Galicia, cos contidos concretos das emendas presentadas por En Marea.

Unha das cuestións da nova lei máis criticadas polas protectoras é a pretensión de deixar en mans privadas os servizos de protección e benestar animal, mentres perseguen con sancións de ata 500 euros a quen alimente a un animal abandonado sen autorización e de ata 5.000 por recollelos na rúa, o que para elas é na práctica unha maneira de entorpecer o traballo das asociacións de protección e defensa animal.

En Marea logrou que a Xunta modificase o texto da norma para incorporar “a prohibición de manter os cans atados de forma permanente ou limitarlles os movementos que son necesarios durante a maior parte do día”. Para o deputado Francisco Casal, esta achega é fundamental, pois “permite que calquera persoa poida denunciar esta práctica e que se vai instalando na sociedade a idea de que ter os animais atados é ilegal”.

O parlamentario de En Marea recolleu as suxestións das protectoras e colectivos animalistas coa vontade de poder introducir achegas cando continúe a súa tramitación parlamentaria no mes de setembro, pois considera o texto legal un “punto de partida pero hai que traballar moito aínda para melloralo”.