En Marea decide non apoiar un goberno entre PSOE e Ciudadanos

Publicado por o día 23/04/2016 na sección de En Marea,Política

En Marea decide non apoiar un goberno entre PSOE e Ciudadanos

Onte venres pechouse o proceso de consulta de En Marea para definir a posición no Congreso en relación á investidura do presidente do goberno do Estado. A consulta amosa un resultado claro, contrario a apoiar un goberno presidido por Pedro Sánchez baseado no acordo PSOE-Ciudadanos, ao tempo que favorable a continuar traballando, en colaboración con Podemos e En Comú, para alcanzar un goberno de cambio xunto ao PSOE e outras forzas progresistas. O resultado da consulta ás bases de En Marea é vinculante e de obrigado cumprimento para as súas deputadas e deputados.

Datos

Censo: 4.140 rexistradas
Votantes: 2.013 persoas, o 48,6% do censo.

Resposta ás preguntas

Debe En Marea apoiar un goberno presidido por Pedro Sánchez e baseado no acordo PSOE-Ciudadanos?
Votos emitidos 2.013.

Número de votos Porcentaxe
SI: 90 – 4,47%

NON: 1923 – 95,53%

Debe En Marea continuar traballando, en colaboración con Podemos e En Comú, para alcanzar un goberno de cambio xunto ao PSOE e outras forzas progresistas?
Votos emitidos: 2.013.

Número de votos Porcentaxe
SI: 1745 – 86,69%

NON: 268 – 13,31%

Aumento do censo

A consulta realizouse partindo do censo de novembro de 2015 para a validación das candidaturas, naquel momento estaban rexistradas 3.475 persoas. Durante os días 19 e 20 de abril reabriuse o censo para ampliar a aquelas que quixesen participar das decisións de En Marea, finalmente o censo pechouse antes de abrir a votación, e situouse en 4.140 persoas rexistradas, o que significa 665 inscritas ma maiores, un 19,1% máis que en novembro de 2015.

Votación limpa

A votación tivo lugar os día 21 e 22 de abril de xeito telemático a través da plataforma agoravoting. Realizouse de xeito completamente correcto, con garantías e sen incidencias relevantes.

Resultados claros

O resultado da votación mostra un sentido claro sobre a posición que debe manter En Marea en relación ao goberno do Estado. Mostra un rexeitamento nítido da opción de apoio a un goberno sobre o acordo PSOE-Ciudadanos, e unha vontade cun amplo apoio de cara a conformar un goberno de cambio, en colaboración con Podemos e En Comú, xunto ao PSOE e outras forzas progresistas.

Cumprindo compromisos: decisión vinculante

A consulta ten carácter de obrigado cumprimento para as deputadas e deputados de En Marea. O obxectivo acordado na mesa coordinadora de En Marea é que as decisións de gran relevancia política sexan adoptadas polas súas bases, cumprindo así cos compromiso acadados cando nos presentamos ás eleccións.