En Marea defende a necesidade de que o Ministerio inclúa o eucalipto no Catálogo de Especies Exóticas e Invasoras do Estado español

O deputado de En Marea no Parlamento, Davide Rodríguez, alertou do incremento exponecial das hectáreas ocupadas por eucalipto e fixo un chamamento á Xunta a actuar de inmediato.
Publicado por o día 22/06/2017 na sección de En Marea,Política

En Marea defende a necesidade de que o Ministerio inclúa o eucalipto no Catálogo de Especies Exóticas e Invasoras do Estado español

O deputado de En Marea no Parlamento, Davide Rodríguez, defendeu en comisión parlamentaria una proposición non de Lei na que se solicitaba que o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño a inscrición do eucalipto no Catálogo de Especies Exóticas e Invasoras do Estado español. Esta inclusión pode ter impacto sobre algúns propietarios de montes mentres non se elabore unha normativa para regular a superficie ocupada polo eucalipto, polo que En Marea propón adoptar unha serie de medidas urxentes que pasarían en primeiro lugar pola redución progresiva da superficie ocupada por eucalipto orientando as terras mediante planeamento no que se teña en conta a vocación da zona e cara a especies autóctonas, froiteiras, forraxe, gandería…

Así mesmo, levar a cabo a eliminación desta especie de espazos sensibles incluídos na Lei de Espazos Naturais e Rede Natura. No prazo de cinco anos eliminar o eucalipto das terras agrarias ocupadas desde o I Inventario Forestal Español como primeiro paso na recuperación destes terreos. Eliminar esta especie tamén dun ratio de 100 metros dos mananciais e marxes de regatos e ríos en cinco anos e 200 de calquera ben inmoble, pastos o zonas agrarias. En Marea considera necesaria tamén a ruptura da continuidade das masas forestais de eucalipto en montes veciñais en man común cada cinco hectáreas, con distancias mínimas de separación entre masas de 00 metros sen esa especie, e en terreos privados particulares cunha separación de 25 metros cada 0,5 hectáreas ocupadas por eucaliptos.

O deputado de En Marea no Parlamento referiuse tamén a necesidade de instar ás administracións a que se doten de orzamento destinado a conceder axudas para o cumprimento destas medidas. Davide Rodríguez lembrou que o Real Decreto de agosto en vigor o Catálogo Español de Exóticas e Invasoras, co obxecto de reforzar a protección do medio ambiente e a biodiversidade. O problema causado por esas especies foi considerado prioritario dentro da Estratexia da Biodiversidade da Unión Europea para o ano 2020, aprobando o Regulamento 2016/1141 sobre especies exóticas e invasoras.

Dende os anos 60, Galiza, Asturias, norte e centro de Portugal e sur-oeste de Andalucía foron territorios repoboados coa especie exótica eucalipto, para abastecer as fábricas de pasta de papel con esta madeira. O que nun principio pareceu que se trataba de dispor dun número determinado de hectáreas desa especie, co paso do tempo foi incrementándose de xeito exponecial. Dende as 130.000 ha do ano 1973, segundo o primeiro inventario forestal do estado (IFN), en 2016 chega a ocupar na Galiza máis de 400.000 ha entre masas puras e mixtas (con outras especies), o que representa practicamente a quinta parte do monte galego. E dicir, os eucaliptais medraron en superficie un 300 por cento en 43 anos. Este incremento asóciase a varias causas como explicou Davide Rodríguez. Aparte das repoboacións voluntarias apoiadas e subvencionadas dende a administración como único cultivo forestal alternativo, destaca o avance descontrolado cara a terras abandonadas por espallamento da semente, agravado polos incendios forestais, cando se dan as mellores condicións de propagación pola velocidade do lume e o lanzamento de muxicas (poden chegar a máis dun quilómetros, cos conseguintes riscos para a poboación do entorno).

Nos últimos 40 anos, a superficie invadida pola semente de eucalipto só a consecuencia dos lumes forestais estímase en máis de 25.000 ha, aumentando o avance descontrolado desta especie. Ademais, os eucaliptais convértense en terreos con escasa biodiversidade, debido aos aceites esenciais das follas, que forman ao caer unha capa sobre o chan cunha baixa taxa de descomposición. Por outra banda, as raíces procuran humidade e auga chegando a percorrer máis de 50 m en eucaliptos de 25 metros de altura, penetrando en depósitos e mananciais, e creando unha maraña superficial que impide a filtración das augas cara aos acuíferos.

Dende o punto de vista económico, cómpre engadir que moitos dos eucaliptais que pasaron dos tres aproveitamentos (tres cortas), pola perda de rendibilidade para o propietario quedan totalmente descoidados, con proliferación de abrochos de cepa, xerando espazos impenetrables de varas carentes de valor económico que fican nese estado ata que volven ser pasto do lume, incrementado a superficie de áreas degradadas. Na actualidade, aproximadamente 175.000 ha con eucaliptos están nesta situación.

O Plan Forestal de Galiza de 1992, aprobado por unanimidade no Parlamento Galego para un período de 40 anos, que contemplaba por freo ás repoboacións de eucalipto, resultou un auténtico fracaso. Partía das referencias do Inventario Forestal Nacional (IFN) do ano 1986, onde os eucaliptais ocupaban 220.000 ha (a proliferación xa era notoria dende o inventario anterior).

Analizando a secuencia evolutiva dos eucaliptais entre masas puras e mixtas na Galiza evidénciase que no período de control previsto no Plan Forestal de Galiza, só entre 1992 (ano da súa publicación) e 1998, a superficie de eucalipto aumenta en 60.000 hectáreas; é dicir, en seis anos excédense as previsións totais do plan de 40 anos.

Por estes motivos, o Grupo Parlamentario de En Marea defendeu en comisión a necesidade de que o eucalipto sexa inscrito no Catálogo de Especies Exóticas e Invasoras do Estado Español por parte do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño.