En Marea defenderá no pleno do Parlamento a necesidade de atacar a violencia machista e a loita pola igualdade

A igualdade salarial, garantir un sistema educativo sen discriminacións por razón de sexo, ou acabar coa situación de indefensión que sofren en maior grao as mulleres do medio rural son algunhas das propostas que o grupo parlamentario defenderá na sesión plenaria.
Publicado por o día 27/12/2016 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea defenderá no pleno do Parlamento a necesidade de atacar a violencia machista e a loita pola igualdade

En Marea elevará ao pleno que arranca mañá martes unha batería de medidas para combater a violencia contra as mulleres en todos os ámbitos da sociedade galega. A primeira das iniciativas do grupo parlamentario será unha moción que defenderá a deputada Paula Vázquez Verao na que se insta ao Goberno galego en primeiro lugar a abrir unha mesa de negociación coas centrais sindicais e representación patronal para adoptar acordos para iniciar a recuperación dos salarios ata acadar a media estatal e loitar contra a precariedade laboral da mocidade. Solicítase tamén a convocatoria do Consello Galego de Relacións Laborais, a patronal e sindicatos máis representativos no seu ámbito territorial e sectorial para promover a Negociación colectiva de ámbito galego, unificando convenios sectoriais provinciais e negociando convenios galegos sectoriais naqueles sectores que só contan con convenios de ámbito estatal. En último lugar, convocar por mediación co Consello Galego de Relacións Laborais, a patronal e sindicatos para promover que nesa Negociación Colectiva de ámbito galego se considere obxectivo a acadar en 2020 a igualdade salarial efectiva entre homes e mulleres.

A necesidade de actuar desde ámbito educativo centrará outra das iniciativa en defensa da igualdade e contra a violencia machista que En Marea levará á sesión plenaria de mañá martes. Así a deputada de En Marea, Ánxeles Cuña, presentará unha proposición non de Lei na que se destacará a necesidade de introducir o principio de igualdade como coeducación no noso sistema público de ensino o que implica educar ás persoas desde a igualdade de valores a marxe de que sexan nenas ou nenos. En Marea cre que a coeducación transversal deberá estar presente en todas as materias e etapas, que se debera recoñecer as contribución das mulleres á ciencias, á historia e ás artes, ao tempo que se debera prestar especial atención á formación en igualdade e contra as violencias machistas nos plans de formación do profesorado.

Na súa proposición non de Lei o grupo parlamentario introduce a eliminación das subvencións con fondos públicos o ensino do alumnado ás familias que opten pola escolarización segregada. Denuncia ademais a falla de consideración na LOMCE polas novas tendencias educativas nin as necesidades sociais, así como a supresión de Educación para a Cidadanía e substituíuse por Educación Cívica e Constitucional borrando do plan de estudos aspectos como a homosexualidade ou a visión crítica de xénero. Unha Lei centralista que reduce as competencias das Comunidades Autónomas en materia de educación e con escasas referencias á igualdade. En Marea entende que é preciso ofrecer formación especializada nos centros escolares para a prevención das violencias machistas, dirixida tanto ao profesorado como ao alumnado, desenvolvendo campañas de sensibilización dirixidas a activar á poboación fronte a violencia machista. Igualmente é importante apoiar a formación e recursos á atención á diversidade afectivo-sexual, para previr situacións de acoso ou marxinalidade.

Ante esta situación, En Marea insta á Xunta de Galicia a non financiar con diñeiro público ningún centro que segregue ao alumnado por razón de sexo cando se renoven os concertos educativos, e a cumprir a lexislación en materia de igualdade.

A última das iniciativas que levará En Marea ao pleno do Parlamento mañá ten que ver coa situación no medio rural onde polas súas características específicas existe unha maior indefensión das mulleres que sofren as violencias machistas e requiren unha atención específica para afrontar e saír destas situacións. O illamento ou a dispersión fai que o simple feito de vivir no rural, supón en moitos casos carecer de servizos básicos dos que gozaría se vivise no centro urbano. A denuncia ou o asesoramento previo tórnase máis difíciles no caso de pequenos núcleos de poboación nunha contorna na que a maioría das persoas se coñecen. Por iso resulta moi complexo para unha muller vítima de violencia machista achegarse a denunciar á Garda Civil porque pode darse o caso de que sexan familiares ou veciños do propio agresor. O que fai aínda máis difícil dar o paso de denunciar para unha muller do rural.

Ante esta situación, agravada aínda máis pola política de recortes do PP na Xunta que ten incidido no desmantelamento de moitos servizos públicos e da atención ás mulleres no rural,  En Marea propón fornecer cursos de formación sobre temas vinculados ao empoderamento e impulsar campañas de sensibilización e concienciación orientadas especificamente ás mulleres rurais. Poñer medios e recursos suficientes para mellorar a atención ás mulleres vítimas de violencias machistas no medio rural e evitar a situación de illamento. E por último, incrementar o número de centros de Información á Muller para que poda acadarse o obxectivo de dispor dun como mínimo en cada concello de Galicia.

O resto de iniciativas de En Marea para este vindeiro pleno terán como obxectivo coñecer que é o que está a facer o goberno da Xunta para loitar contra a violencia machista e impulsar a igualdade entre mulleres e homes en todos os ámbitos. Así interpelará ao Goberno sobre a situación asistencial da sanidade pública, preguntará ao presidente da Xunta de Galicia sobre as medidas que pensan impulsar ante o drama social da violencia e os asasinatos machistas, e formulará dúas preguntas máis ao Goberno unha de las sobre as denuncias e casos de violencia de xénero rexistrados na Administración pública galega neste ano, e a última sobre o tratamento da información nos medios de comunicación no referido aos casos de violencia machista.

Con todas estas iniciativas En Marea busca visibilizar un grave problema social que nos afecta a todas e todos e que require dunha resposta conxunta e transversal desde todos os ámbitos xa que é o único xeito de acabar dunha vez por todas coa violencia machista en todas as súas expresións e acadar unha sociedade sen discriminacións nin desigualdades por razón do sexo.