En Marea demanda melloras no centro de saúde de Baltar (Sanxenxo) e no do Porriño

Eva Solla tamén defendeu na Comisión de Sanidade o servizo de ambulancia medicalizada para o Salnés e o reforzo de persoal sanitario no centro de saúde de Baltar (Sanxenxo),
Publicado por o día 14/07/2017 na sección de En Marea,Galicia,O Porriño,Política,Pontevedra,Sanidad

En Marea demanda melloras no centro de saúde de Baltar (Sanxenxo) e no do Porriño

A ampliación do centro de saúde do Porriño, así como a súa debida dotación de medios técnicos e humanos, foron demandas trasladadas esta mañá á Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia pola deputada Eva Solla, que recordou que a demanda ten sido obxecto de númerosas mocións no pleno municipal.

No ano 2010, o Concello do Porriño asinou un acordo coa Xunta de Galicia, no que puxo a disposición da mesma unha parcela cunha superficie de 525 metros cadrados para ampliar o Centro de Saúde. “É unha demanda que leva unha década pendente de ser atentida pola Xunta a pesar de que o centro segue incrementando o número de usuarios, ademais de contar co Punto de Atención Continuada de tres da tarde a oito da mañá, horario no que tamén atende a concellos da contorna como poden ser Mos ou Salceda de Caselas”, sinalou Solla.

A parlamentaria de En Marea tamén instou á Xunta a corrixir o problema das altas temperaturas no edificio, “que non son compatibles nin co exercicio da profesión sanitaria nin na que deban estar persoas doentes que usan o centro de saúde”. Tense solicitado diálogo coa administración autonómica sen que houbese resposta de ningún tipo, tampouco no referente á mellora da Unidade de Atención á Drogodependencia”, engadiu Eva Solla

Centro de saúde de Baltar (Portonovo)

Tras realizar unha visita xunto co deputado Marcos Cal ao centro de saúde de Baltar, en Portonovo (Sanxenxo), Eva Solla defendeu esta mañá na Comisión de Sanidade o servizo de ambulancia medicalizada para a comarca do Salnés durante todo o ano, “unha demanda histórica que non se entende que a día de hoxe siga sen ser atendida, dado que obriga aos profesionais sanitarios do PAC a desprazarse a urxencias”, deixando desatendido o centro.

En Marea tamén reclama unha praza de pediatra para a quenda de tarde, “perfectamente xustificada polo elevado número de nenos e nenas que dependen deste centro de saúde” e o reforzo de profesionais sanitarios durante os meses do verán. “Non é comprensible que unha vila que ve incrementada a súa poboación en 80 mil persoas durante os meses do verán non teña un reforzo en paralelo a nivel sanitario”.