En Marea demanda a Montoro no pleno do Congreso unha rebaixa do IVE cultural

“O IVE cultural é o causante do peche de numerosas empresas culturais, coa conseguinte perda de postos de traballo”, denunciou o deputado Miguel Anxo Fernán Vello.
Publicado por o día 14/12/2016 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea demanda a Montoro no pleno do Congreso unha rebaixa do IVE cultural

O deputado de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, demandou este mércores na sesión de control do Congreso dos Deputados ó ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, unha reducción do IVE do 21% aplicado ó ámbito da cultura

Fernán Vello lembroulle a Montoro, recollendo o pensamento de García Márquez, que a Cultura é o aproveitamento social da creación e do coñecemento, pero é tamén “un poderoso motor económico e un dereito democrático dos e das cidadáns” e desde que o Goberno de Rajoy impulsou a subida do IVE do 8 ao 21% nos servizos culturais (espectáculos, cine, teatro…) “pecharon máis de 4.500 empresas culturais, perdéronse máis de 100.000 empregos, e o consumo de produtos culturais en xeral baixou máis dun 28%”, denunciou o deputado.

No eido do teatro, perdéronse case 2 millóns só nos primeiros 6 meses da aplicación do nefasto IVE cultural, sen falar do “peche” por defunción de numerosas compañías teatrais.

Fernán Vello denunciou tamén a situación da música, da danza, das artes plásticas ou do cine, outra das “grandes vítimas da subida do IVE”, dado que desde o 2012 ata comezos do 2015 pecharon en todo o Estado un total de 270 salas de cine e en dous anos vendéronse 20 millóns menos de entradas.

En Marea lembroulle ó ministro Montoro que a Comisión de Cultura do Congreso xa aprobou unha Proposición Non de Lei  (PNL) que instaba ó Goberno a impulsar, de xeito urxente, unha reducción do IVE, que En Marea considera que debe ser menor do 10%, como en Noruega, Suecia, Francia o Alemania.

“Escoite a demanda unánime do sector da cultura, da sociedade en xeral, de gran parte desta Cámara e clamor da intelixencia”, sinalou o deputado.

Resposta de Montoro

Na súa intervención, o ministro Montoro negou a existencia do IVE cultural na liña retórica que está a empregar o PP últimamente, cando existe de facto o imposto do 21% sobre o cine, teatro, danza ou música.

Ante esta postura, o deputado de En Marea rematou a súa intervención pedindo a Montoro que non siga empregando o truco da “nada retórica” para negar a existencia do IVE na cultura.

O ministro tamén culpabilizou da destrución de tecido cultural á crise, negando os efectos devastadores do IVE, un dos maiores causantes da destrución de empresas culturais e de postos de traballo no ámbito da cultura nos últimos anos.

O compromiso de Montoro para reducir nun futuro o IVE foi ambigua, sen horizontes temporais, explicitando o “seu compromiso a reducir o IVE nos espectáculos culturais en directo” pero “no momento que teña marco orzamentario”, é decir, sen prazos imediatos.