En Marea demanda un reforzo das frecuencias e das prazas ferroviarias que poñan fin á saturación da liña A Coruña-Vigo

O vicevoceiro Antón Sánchez tamén reclama tren de proximidade para Ferrol, pois “leva 30 anos quedando fóra da planificación ferroviaria para Galicia”.
Por o 29/11/2016 | Sección: En Marea,Política,Vigo
En Marea demanda un reforzo das frecuencias e das prazas ferroviarias que poñan fin á saturación da liña A Coruña-Vigo
Compartir en:

Dado que Galicia é das poucas Comunidades do Estado que carece dun servizo de tren de proximidade e os servizos entre Vigo, Santiago e A Coruña están con moita frecuencia saturados, En Marea reclama unha solución urxente a este colapso para resolver as necesidades habituais dos usuarios do tren, creando máis frecuencias e un reforzo de prazas nas horas de maior demanda.

Empregado a diario por un gran número de estudantes e traballadores, o servizo ferroviario entre A Coruña e Vigo non conta neste momento con frecuencias adaptadas ás necesidades horarias, aínda tratándose dun dos treitos maís demandados e rentables do Estado. Mostra desta falta de adecuación son os colapsos que se dan en horas punta coincidindo co comezo e o remate das xornadas laborais ou a saturación dos venres e domingo pola tarde debido aos desprazamentos do estudantado.

“O ferrocarril do Eixo Atlántico que conecta A Coruña e Vigo é a demostración de que cando a oferta se adapta á demanda, o tranporte público funciona”, sinala o promotor da iniciativa, o vicevoceiro de En Marea Antón Sánchez, “pero neste treito o servizo é insuficiente”. Malia as constantes queixas por parte dos usuarios, que en moitos casos chegan ás estacións e se atopan cos biletes esgotados prohíbindo o seu acceso ao tren (dende hai un tempo impóñense sancións ás persoas que soben ó tren sen billete), “Renfe fai ouvidos xordos”.

É por iso polo que “instamos a Renfe a que modirque as frecuencias, os horarios e a capacidade para adaptalas á demanda” e facer operativo e eficiente o Eixo Atlántico ferroviario “que conecta as zonas máis poboadas de Galicia e ten un papel fundamental á hora de reducir o uso do transporte individual”.

Tren de proximidade para Ferrol

Dende En Marea tamén se presentou unha iniciativa para coñecer que actuacións ten previstas a Xunta de Galicia para a implantación do servizo ferroviario de proximidade na liña A Coruña-Ferrol “a niveis competitivos e frecuencias semellantes ás do resto do Eixo Atlántico”. Para Antón Sánchez, é inadmisible que “Ferrol leve 30 anos quedando fóra da planificación ferroviaria do Eixo Atlántico e nin a Xunta nin o Ministerio de Fomento cumpriran co seu compromiso anunciado en 2011 de crear unha Xerencia de Cercanías en Galicia para implantar este servizo no noso país.