En Marea denuncia as graves deficiencias do centro de saúde de Gondomar

Publicado por o día 07/04/2017 na sección de En Marea,Política,Sanidad,Vigo

En Marea denuncia as graves deficiencias do centro de saúde de Gondomar

A vicepresidenta do Parlamento de Galicia e deputada de En Marea, Eva Solla, denunciou a continua caída da capacidade de afrontar as infraestruturas necesarias en materia sanitaria, especialmente no relativo á atención primaria. Nunha rolda de prensa conxunta con Gondomar Concello Aberto presentaron unha iniciativa na que se denuncian as graves deficiencias que presenta o centro de saúde Gondomar.

Eva Solla denunciou o recorte da partida destinada a atención primaria que pasou dos 27,4 millóns de euros a 5,7 millóns este ano. A deputada de En Marea salientou así mesmo o feito de que existe unha partida única de 400.000 euros para equipación de centros de saúde o que considerou “unha miseria“ ao que se suman os 100.000 euros para reformas para todos os centros de saúde de Galicia. “A atención primaria é a grande prexudicada nunha sanidade pública xa mal tratada polo goberno do PP“ afirmou Eva Solla.

No caso concreto de Gondomar, considerou unha total irresponsabilidade por parte da Xunta de Galicia non ter licitado xa a obra alegando agora que a empresa foi a quebra xa que “se tiveran licitado a obra moito antes terían capacidade de volver a licitar o proxecto e polo tanto non perder os fondos europeos como acontece neste momento“. Ante esta situación, En Marea aposta “xa que o proxecto non está en marcha hai capacidade para modificar o proxecto e axeitalo as necesidades reais de Gondomar“.