En Marea denuncia as múltiples deficiencias da liña ferroviaria do Eixo Atlántico

O deputado no Parlamento Marcos Cal esixiu á Xunta de Galicia que abandone a estratexia privatizadora na que está instalado tamén no relativo ao ferrocarril e aposte de xeito real e decidido por este medio de transporte.
Publicado por o día 21/07/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política

En Marea denuncia as múltiples deficiencias da liña ferroviaria do Eixo Atlántico

En Marea denuncia o proceso privatizador e desmantelamento do transporte por ferrocarril por parte do Partido Popular e que está a pagar milleiros de persoas usuarias de xeito diario. O deputado de En Marea no Parlamento, Marcos Cal, centro na rolda de prensa ofrecida esta mañá, as múltiples deficiencias que presenta a liña do Eixo Atlántico entre as que destaca a falla de persoal, insuficientes prazas en horas puntas, frecuencias insuficientes ou o elevado prezo do servizo. Pese ao forte investimento realizado pola Xunta no Eixo Atlántico, trátase dunha liña que “naceu xa con importantes carencias”. A discriminación que sufre Ferrol ao quedar fora desta liña, a falla de conexión con Portugal, as frecuencias que non se adaptan de xeito adecuado a demanda foron algunhas das cuestións destacadas por Marcos Cal na súa intervención ante os medios.

Estas cuestións afectan no día a día de milleiros de usuarios e usuarias sobre todo aquelas que empregan este transporte para ir a traballar ou estudar. As frecuencias non axeitadas aos horarios laborais, a falla de prazas en horas puntas, ou o prezon son algunhas das cuestións que máis están a afectar. No relativo ao prezo, o deputado de En Marea tomou como exemplo o prezo do bono para unha persoa que teña que desprazarse a diario de A Coruña a Santiago de Compostela para traballar que terá que destinar algo máis de 175 euros o que supón ao ano ter que dedicar un o salario de todo un mes unicamente para pagar o tren que o leva a traballar.

O deputado de En Marea lembrou que o transporte por ferrocarril é “o transporte do futuro” e polo tanto os diferentes gobernos deben facer un esforzo importante e apostar de xeito decidido por este medio, algo que en Galicia non está a acontecer. “O desmantelamento do transporte ferroviario tanto de persoas como de mercadorías que está a levar a cabo o PP é inaceptable e non responde a criterios de racionalidade” afirmou Marcos Cal.

As melloras destacadas hoxe por En Marea non son novas xa que os sindicatos ferroviarios levan tempo reclamando o mesmo e de feito chegaron a presentar unha proposta á Xunta de Galicia para mellorar as frecuencias e os horarios sen custe algún para a administración como lembrou Marcos Cal, unha proposta que non foi atendida polo PP que “nin está nin se lle espera”.

A drástica redución de persoal do 40 por cento na venda de billetes por parte de Adif é outra das cuestións que agravaron de xeito significativo o servizo nas últimas semanas. A este respecto, o Marcos Cal reclamou que Renfe, empresa que asume agora a venda de billetes, ten que repoñer o persoal de xeito urxente e acabar cos problemas que se están a dar nas diferentes estacións e que están a xerar situacións especialmente tensas e inaceptables tanto para as usuarias e usuarios como para o persoal.

Nesta mesma liña, o deputado de En Marea insistiu no proceso privatizador impulsado polo PP e que provocou unha drástica redución do persoal ferroviario que pasou das 80.000 empregados a 25.000, sendo asumido o traballo por empresas privadas, nalgún caso constituídas por ex directivos de Renfe.

“O 70 por cento do investimento nestes anos foi para o AVE e mentres isto sucedía, o PP abandonaba o tren de proximidade que é o que emprega o 90 por cento dos usuarios e usuarias, abandonan polo tanto o tren que serve realmente de motor económico e social ao noso país” afirmou Marcos Cal. Na actualidade non se está a repoñer o persoal e sendo substituído por empresas privadas con peores condicións laborais.

En Marea rexistrará no Parlamento de Galicia diversas un paquete amplo de iniciativas nas que se inclúen cuestións como instar ao Goberno unha aposta polo servizo público e de calidade do ferrocarril, o incremento de persoal e mellora das condicións laborais, o incremento de frecuencias especialmente en horas puntas, a conexión con Ferrol e tamén con Portugal e o abaratamento do prezo. Así mesmo, o grupo parlamentario esixirá acabar coa externalización do sistema de seguridade xa que a seguridade das persoas usuarias do tren non poden ser nunca motivo de lucro para determinadas empresas.

APOIO DE EN MAREA Á FOLGA FERROVIARIA
 
O deputado de En Marea, Marcos Cal, amosou o apoio do grupo parlamentario á convocatoria de folga do vindeiro día 28 de xullo. “O PP fala de que vai revisar o servizo público do ferrocarril o que deixa ver a intención de iniciar unha nova ofensiva do PP para continuar empeorando aínda máis este servizo e o seu carácter público” asegurou Marcos Cal.

VERDADE, XUSTIZA E REPARACIÓN PARA ÁS VÍTIMAS DO ALVIA
 
Marcos Cal salientou así mesmo o apoio do grupo parlamentario á manifestación e as xustas reclamacións da plataforma de vítimas do Alvia que non piden máis que verdade, a xustiza e reparación.