En Marea denuncia que as novas medidas da Xunta para a estrada PO-308 non cumpren coa normativa de seguridade viaria

Marcos Cal: “A senda ciclopeonil de Poio é un lavado de cara do Goberno galego que non resolve os problemas estruturais e de serguridade da vía”.
Por o 24/04/2017 | Sección: En Marea,Política,Vigo
En Marea denuncia que as novas medidas da Xunta para a estrada PO-308 non cumpren coa normativa de seguridade viaria

Días despois da visita de En Marea á estrada PO-308 para comprobar in situ as súas deficiencias en materia de seguridade viaria e logo de que mataran a un ciclista nesta vía, a Xunta de Galicia vén de anunciar  o inicio das expropiacións previas ao comezo das obras dunha senda peonil e ciclista entre Covelo e Raxó, no concello de Poio, na zona onde se produciu o atropelo. Para o deputado de En Marea, Marcos Cal, este proxecto “non contempla melloras de seguridade, nin aumenta o número de pasos peonís, nin conta con medidas de calmado de tráfico e adecuación das velocidades ás propias dunha travesía.”

Ademais, esquece o problema de estacionamento para os residentes e límitase á construción de beirarrúas, sen adaptarse ao regulamento en materia de seguranza viaria. “Trátase dun exercicio de lavado de cara que non resolve a maior parte dos problemas dssta vía, por iso dende En Marea rexistramos unha iniciativa para instar á Xunta de Galicia a facer as obras necesarias para que cumpra coa  seguranza viaria, mellore a mobilidade sustentábel e que a Xunta sexa quen de garantir o cumprimento da normativa nas vías da súa titularidade, e dea  resposta a esta reclamación histórica das vilas atravesadas pola PO-308”, sinalou Cal.

A Plataforma PO-308 leva tempo denuncinando que esta estrada de titularidade autonómica que une Poio e Sanxenxo soporta unha elevadísima sinistralidade e reclamando medidas que eviten máis mortes de peóns e ciclistas que sempre toparon coa negativa do PP, que xa en 2011 votou en contra da proposta de mellora no Parlamento de Galicia, impedindo así a realización destas obras.

“Agora, presionada polos acontecementos, anuncia que vai a comenzar os trámites para realizar as expropiacións pertinentes para construír esta senda peonil de ciclista o cal confirma que Xunta era plenamente competente para acometelas con anterioridade sen a intervención do Concello de Poio”, censura Marcos Cal, que cualifica o proxecto de senda ciclopeonil como “unha chapuza de só 2 metros de sección, que a fan insuficiente para o paso de peóns e usuarios de bicicletas”.