En Marea denuncia o “bloqueo ilegal” da Comisión de investigación do Alvia no Congreso e anuncia que se volverá a presentar

En Marea estivo acompañando á Plataforma Víctimas Alvia 04155, que protestaba polo novo veto á Comisión de Investigación que rexistrou este grupo, e anunciou xunto con Pablo Iglesias a presentación dunha nova comisión.
Publicado por o día 01/06/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea denuncia o “bloqueo ilegal” da Comisión de investigación do Alvia no Congreso e anuncia que se volverá a presentar

En Marea denuncia o “bloqueo ilegal” da Mesa do Congreso, que vetou de novo unha Comisión de Investigación da traxedia ferroviaria que tivo lugar en Angrois en 2013, na que faleceron 81 persoas e houbo 140 feridos.

Ante esta situación, o voceiro de En Marea no Congreso, Antón Gómez-Reino, e a deputada Alexandra Fernández, anunciaron aos medios que se volverá a rexistrar “para que todos os partidos, incluido o PSOE e o seu posible cambio de postura respecto a esta comisión, se posicionen”.

A solicitude de Comisión de En Marea “cumpría todos os requisitos” polo que “se adoptou unha decisión política onde só ten que haber un trámite formal de admisión, incumprindo o regulamento”, insistiu Fernández.

Nun primeiro momento, a Mesa non admitiu a trámite esta Comisión, motivo polo que En Marea presentou un recurso que foi desestimado polo PP, PSOE e Ciudadanos.

“Non hai precedentes desta situación, non damos crédito de que a Mesa volte bloquear esta Comisión”, denunciou a deputada Alexandra Fernández, nunhas declaracións aos medios en apoio á concentración da Plataforma de Víctimas do Alvia.

“Pensamos que esta Comisión de investigación non só a demandan as vítimas ou En Marea, está sendo reclamada por parte da Comisión Europea e da Xustiza”, insistiu o portavoz Gómez-Reino.

En Marea considera que estes tres partidos se “aliaron” para “tapar as súas vergoñas” e frear o inicio da tramitación desta proposta alegando que “xa se rexeitou unha investigación sobre este grave accidente na anterior lexislatura” algo que podería ser “ilegal”, porque o acontecido nas pasadas lexislaturas “non debería influir na actual, na que ademais hai novas probas na investigación do acontecido en Angrois”.

Por este motivo, insistimos en que “non cabe alegar como xustificación en ningún caso que xa se debatese noutra lexislatura, iso non se aplica en ninguna materia, nin sequera no caso máis relevante, como unha reforma constitucional”.

Fernández insistiu tamén na denuncia de que foron precisamente o PP, C’s e o PSOE os que aceptaron poñer como presidente da CIAF “a alguén que se negaba a abrir a Comisión de Investigación do Alvia.”

“Pensamos que hai indicios de que entre as filas do PP e PSOE teñen responsabilidades política no accidente do Alvia polo que seguiremos denunciando o ‘pacto do silencio’ e o caciquismo”, enfatizou a parlamentar galega.

A Plataforma tamén esixiu esta Comisión de Investigación e anunciou o apoio de máis de 16 millóns de cidadáns de 100 concellos de todo o Estado. “Non entendemos que nestes concellos nos den o seu apoio todos os partidos e no Congreso voten en contra ou veten a investigación indepentente”, asegurou o seu portavoz, Jesús Domínguez.