En Marea denuncia a intención do PP de eliminar a participación social e dar prioridade á empresa privada no deseño das políticas sanitarias públicas galegas

A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, anunciou que o seu grupo pedirá información relativa ás alegacións presentadas ao Anteproxecto de modificación da Lei sanitaria así como presentará unha emenda de devolución.
Por o 17/08/2017 | Sección: En Marea,Galicia,Política
En Marea denuncia a intención do PP de eliminar a participación social e dar prioridade á empresa privada no deseño das políticas sanitarias públicas galegas

A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, anunciou hoxe en rolda de prensa a intención do seu grupo de rexistrar diversas iniciativas co obxectivo de coñecer o número de alegacións e a publicidade dada ao anteproxecto de modificación da Lei sanitaria despois de que rematase hoxe o prazo de presentación de alegacións. Para a vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, “a Xunta de Galicia está a impedir a participación e fomentar a opacidade para facilitar o descoñecemento do que ten que ver coa retirada de dereitos sanitarios e a entrada da empresa privada que se pretende con este anteproxecto“.

Na comparecencia ante os medios a deputada de En Marea recalcou a redución das áreas sanitarias e todo o que ten que ver co aumento da burocracia e complexidade dos distritos sanitarios, un modelo rexeitado anteriormente, e que o que fai e afondar na perda de capacidade de xestión das diferentes comarcas e tamén o empeoramento do funcionamento da atención primaria que unha vez máis é a máis prexudicada por esta nova distribución da Xunta de Galicia.

Eva Solla salientou así mesmo outros aspectos como a investigación dentro da sanidade. Desde En Marea ten denunciado en diversas ocasións o que supón a introdución da empresa privada e os seus intereses ao tempo que se ten denunciado o conflitos de interese remarcados polo propio Consello bioético, pero nesta ocasión o que se leva a cabo é directamente o plan galego de investigación sen explicar que o vai substituír e introducindo aínda máis a empresa privada. Por este motivo En Marea pedirá que o Goberno galego aclare cal é o seu plan e como vai blindar a sanidade pública da introdución da empresa privada.

A deputada Eva Solla informou da intención do seu grupo de trasladar ao resto de grupos da oposición a necesidade de solicitar a comparecencia no Parlamento de Galicia do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.

Outro aspecto relevantísimo do anteproxecto presentado polo Goberno do Partido Popular é a eliminación da participación social pública e no que se cambia pola introdución das entidades representativas de intereses económicos e profesionais, é dicir “a empresa privada trasladando o seu interese dentro do deseño das políticas sanitarias públicas mentres desaparece a Universidade, as asociacións de veciños ou calquera outro elemento de participación da cidadanía, que decidirá a partir de agora a Xunta de Galicia mediante decreto“. “O PP reservase quen poderá opinar e participar na planificación da nosa sanidade“ denunciou Eva Solla.

Eliminan tamén os puntos que daban acceso a información aos membros do Consello galego de saúde. Unha continuidade do que está xa a facer a Xunta no Parlamento de Galicia obviando e non contestando as preguntas presentadas polos grupos da oposición, pero neste caso elimina a posibilidade de coñecer os datos por exemplo dos contratos coas empresas privadas, das memorias do Servizo Galego de Saúde ou as valoracións dos propios orzamentos. Así mesmo elimina a composición paritaria do órgano. Isto sumado a ese baleirado dos consellos de saúde de área, non só restan capacidade ao Consello senón tamén as estruturas inferiores o que provoca unha eliminación total da participación social do deseño das políticas sanitarias.

En Marea anunciou xa que presentará unha emenda de devolución a esta norma que será presentada no mesmo momento no que entre no Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

A deputada Eva Solla anunciou o apoio do seu grupo ás distintas mobilizacións que se están a organizar xa contra este anteproxecto e lembrou a xuntanza que terá lugar esta mesma tarde no Hospital do Salnés para analizar como afecta á area sanitaria esta norma sendo unha das áreas eliminadas, e animou á cidadanía a participar nas protestas ante a perda de dereitos que suporía a súa entrada en vigor.