En Marea denuncia no Congreso “os peores prognósticos” co veto do PP e Ciudadanos ao debate da transferencia da AP-9

A decisión tomouse na xuntanza da Mesa do Congreso este martes, na que se votou en contra da reconsideración que presentou En Marea sobre o veto ao debate da lei aprobada no Parlamento galego que pide a transferencia da AP-9.
Publicado por o día 24/10/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política

En Marea denuncia no Congreso “os peores prognósticos” co veto do PP e Ciudadanos ao debate da transferencia da AP-9

O grupo de En Marea no Congreso denunciou este martes que se confirman “os peores prognósticos” ante o novo veto do Partido Popular e Ciudadanos na Mesa do Congreso para impedir o debate desta iniciativa aprobada por unanimidade no Parlamento galego.

“Confirmáronse os peores prognósticos, a Mesa do Congreso, coas súas políticas antidemocráticas, vetou a Lei votada por unanimidade no Parlamento galego sobre a transferencia da AP-9”, asegurou a voceira de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, antes da Xunta de Portavoces deste martes.

En Marea denuncia que a reconsideración que pedía este grupo foi apoiada por unha maioría da Xunta de Voceiros, pero na Mesa do Congreso o PP e Ciudadanos “decidiron non respetar a maioría da cámara e vetaron de xeito unilateral o debate sobre a transferencia da AP-9”.

“Por que o PP e Cs deciden humillar a pobo de Galicia? Falar da AP-9 é falar da cohesión social e económica de Galicia, non se pode permitir este veto”.

Para En Marea, hoxe Feijóo esté demostrando que “unha maioría absoluta do PP en Galicia non defende os intereses da cidadanía” e que “foi derrotado polo seu propio partido, que di unha cousa en Galicia e outra en Madrid”.

En Marea anuncia tamén que “seguiremos traballando por todas as vías e tomaremos medidas para combater este veto” porque estamos “ante un fraude e unha vulneración do texto constitucional”.