A deputada de En Marea, Yolanda Díaz, denunciou este martes de novo o veto e o voto en contra das emendas presentadas por En Marea aos Orzamentos do Estado, “moi demandadas pola cidadanía galega”.
En concreto, a deputada destacou aquelas emendas presentadas aos orzamentos das empresas do sector público, “tan importantes e diversas como ADIF, SEPI, ACUAES ou SEITTSA, entre outras, unhas iniciativas de vital importancia para o desenvolvemento económico e social de Galicia”.
A parlamentar destacou tamén a variante de Ourense ou o que ten que ver coas intermodais de Santiago, Vigo, Ourense, Coruña, Lugo ou de Ferrol.
“Vetaron estas emendas e non veñen a este debate, só queren vetar e votar en contra das emendas que pide a nosa xente”.
Tal e como sinalou a deputada Yolanda Díaz durante a súa intervención no pleno “xa estamos acostumadas ás prácticas do PP, pero é anómalo que Ciudadanos participe tamén destas prácticas tan bochornosas como é o veto a emendas que falan da vida da xente”.
Unha das iniciativas máis representativas das que foron vetadas polo Partido Popular, apoiados por Ciudadanos e PNV, foi a construción do dique seco na comarca de Ferrolterra, unha obra de moita relevancia, pola necesidade desta infraestrutura para o futuro de empresas tan importantes como Navantia.
Ademais, en relación ás emendas de ADIF que teñen que ver con Galicia, o Goberno vetou a iniciativa sobre a conexión Ferrol – A Coruña, que non recibiu ningún investimento desde 1903.
“A coñexión Ferrol – A Coruña é unha vía ferroviaria imprescindible para unha comarca empobrecida, e resulta que vostedes a vetan”, afirmou Díaz Pérez.
Entre outras das cuestións vetadas estivo o saneamento de Santiago de Compostela.
En canto a Enerxía, a deputada denunciou que “nos orzamentos non se aposta polo autoconsumo, polas renovables, pola democratización da enerxía nin pola oposición ao fracking”.
AXENDA DIXITAL
En materia dixital, a deputada denunciou que con estes Orzamentos “o Goberno demostra que non ten ningún interés por levar a banda ancha ao Courel” nin de “falar de dereitos dixitais para todos e todas, independentemente do lugar de residencia”.
“En Galicia ningún concello ten unha cobertura do 100% de banda ancha”, denunciou Díaz, que lembrou que temos “un tercio da poboación desasistida en dereitos dixitais” porque “as políticas do PP son un auténtico fracaso”.
Noticias de última hora en Vigo