En Marea denuncia que non se creou nin un só posto de traballo a pesar dos investimentos millonarios en Rozas

Yolanda Díaz afirma que o executivo de Rajoy fala da legalidade pero non da realidade do que se están a facer no aeródromo lugués.
Publicado por o día 02/01/2017 na sección de En Marea,Galicia,Lugo,Política,Vigo

En Marea denuncia que non se creou nin un só posto de traballo a pesar dos investimentos millonarios en Rozas

O Goberno do Estado vén de respostar á pregunta presentada por Yolanda Díaz no Congreso dos Deputados relativa á militarización con drons e actuacións da OTAN do aeródromo de Rozas en Lugo. O executivo destaca na súa resposta que “o Aeródromo de Rozas é unha instalación de carácter civil, non militar e que os fins da instalación son científicos e tecnolóxicos”. Ante esta resposta, a deputada de En Marea, Yolanda Díaz, destacou que “unha vez máis o executivo envía unha contestación que si se axusta á legalidade, pero non á realidade do que está a suceder no aeródromo de Rozas”.

Yolanda Díaz destacou que xa “vimos denunciando desde hai anos, tanto no Parlamento de Galicia como no Parlamento Europeo, que aínda que o Goberno negue o uso militar destas instalacións, a finalidade das actuacións que se levan a cabo aquí son, cando menos, dubidosas”.

Segundo indica o executivo na súa resposta, na remodelación das instalacións e adquisición de equipamento do aeródromo estanse a investir un total de 10 millóns de euros ata o 2017, dos cales o 80% (8 millons) son fondos aportados polo Ministerio de Economía, a través de fondos FEDER tecnolóxico, tal e como se acorda no Convenio asinado entre el Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) e o entón Ministerio de Economía e Competitividade (MINECO). Esta subvención leva consigo a auditoría do proxecto por parte da Comisión Europea, quen debe velar por que estas instalacións de Rozas sexan un centro de experimentación de carácter civil, xa que os fondos FEDER non subvencionan proxectos que non cumplan esta condición.

A deputada de En Marea, Yolanda Díaz, destacou que “é certo que esta financiación lles impide “legamente” levar a cabo probas militares nestas instalacións, pero denuncia que aínda que o executivo negue sempre que se fagan probas con vehículos aéreos militares e que estean artillados, a realidade é que si teñen esa posibilidade (a de ser armados), ou incluso que os equipos se proben de xeito independente, probando o armamento noutro polígono de tiro”.

Por outra banda, Díaz insiste en que o programa de avións non tripulados no Aeródromo do Rozas depende do Instituto Nacional de Técnica Aeronáutica (INTA) dependiente del Ministerio de Defensa, polo que “o Goberno debería esclarecer que papel xoga o INTA, un organismo que ten, entre outras responsabilidades a de ser a autoridade estatal que proporciona os certificados de aeronavegabilidade a todos os vehículos aéreos e a todos son todos, civís e militares”.

De feito, se facemos memoria, no mes de febrero de 2013, levanta o voo en Rozas o “ATLANTE”, un avión non tripulado fabricado pola empresa Cassidian pertencente á multinacional EADS, o consorcio europeo líder mundial en venta de armamento, do que fora directivo o exMinistro de Defensa, Pedro Morenés. O dron “Atlante” é definido polo propio fabricante como un UAS (Unmanned Aerial System) polivalente, o que fai deste modelo “o primeiro avión non tripulado táctico capaz de realizar misións tanto civís como militares…”

 “De feito, estamos diante dun avión non tripulado, continúa Yolanda Díaz, dos chamados “drons” tristemente célebres por practicar masacres e asasinatos a civís nos principais escearios de guerra do planeta”.

“Por outra banda os chamados usos civís deste modelo de dron non son outros que a vixiancia fronteiriza e o control das persoas migrantes dentro do proxecto europeo de vixiancia PPerseus que a Guarda Civil esta a desenvolver no Aeroporto de Almería con este modelo, e este é un dos motivos polo que as bases de drons son ademáis destacados obxectivos militares e terroristas, polo seu alto valor militar e estratéxico, o que supón un risco máis que evidente para a cidadanía que se atope nas súas proximidades”. Sen embargo, o Goberno simplemente indica na resposta enviada á deputada de En Marea, das vantaxes que ten a introducción dos avións non tripulados na comunidade científica que estudia a investigación atmosférica e o coñecimento do clima.

Finalmente, e a colación da respota enviada polo Goberno, Yolanda Díaz, manifestou que a “financiación acadada despois dos acordos entre o INTA e o Ministerio Economía (xunto coa financiación do INTA), é, en definitiva, diñeiro público ao servizo de multinacionais que está a beneficiar a importantes empresas do sector do armamento, e todas elas buscan garantías de seguridade e confidencialidade para os seus productos, e queren protexerse coa opacidade que “tradicionalmente” existe sobre estes temas. Así, o “uso civil” destes productos é a premisa, pero as derivadas dos mesmos son incontrolables, de feito a mesma lei que controla a venta de armamentos fala de “material de defensa e material de doble uso” para cubrir esta eventualidade”. De feito, insiste Yolanda Díaz, “dentro do acordo público-privado, o INTA como organismo do Ministerio de Defensa, xoga un papel importante que pode por en dúbida o “uso civil” do aeródromo”.

Pero, sen dúbida, un dos aspectos máis salientables do proxecto de Rozas e que o Goberno nin menciona, é o feito de que a pesar do forte investimento, non se fala en ningún momento da creación de postos de traballo, despois de transcorridos cinco anos do inicio dos anuncios destas instalacións.  Como destacou Yolanda Díaz, “cero postos de traballo, adxudicacións millonarias a empresas de fóra de Galicia e millóns de euros malgastados”.

Desde En Marea seguimos a insistir, ao igual que fixeron nos últimos anos outros deputados no Parlamento de Galicia, en que “o que sucede en Rozas é unha ocultación de informacion, un emprego fraudulento de diñeiro público e, sobre todo, un engano á cidadanía”.