En Marea denuncia a pasividade “indigna” do Presidente Feijóo ante as actuacións de espolio que se están a producir no noso país

A vicevoceira no Parlamento, Carmen Santos, e o deputado Manuel Lago, reclamaron á Xunta de Galicia que tome posición na defensa de Galicia cuestións como o conflito da estiba, a desaparición do Banco Pastor, ou a actual poxa entre as grandes empresas para se facer coa AP-9.
Publicado por o día 05/06/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea denuncia a pasividade “indigna” do Presidente Feijóo ante as actuacións de espolio que se están a producir no noso país

En Marea denunciou na rolda de prensa desta mañá a “indignante” e “sorprendente” inacción do Goberno da Xunta de Galicia ante os problemas fundamentais como a desaparición do Banco Popular-Pastor, a compra de Itinere, propietaria de Audasa, ou o conflito da estiba entre outros moitos. A vicevoceira no Parlamento de En Marea, Carmen Santos, e o deputado no Parlamento, Manuel Lago, denunciaron a presenza de Feijóo sempre “no medio das actuacións que supoñen un espolio para o noso país e sempre para se colocar do lado do gran capital e nunca dos traballadores” como declarou Carmen Santos.

Contra a privatización da estiba

A vicevoceira parlamentaria centrou a súa intervención en denunciar a vulneración do diálogo social no conflito da estiba co que se intenta impor unha liberalización do sector levando acabo ademais unha campaña na sociedade de descrédito cara aos traballadores e traballadoras. No caso da estiba lembrou que En Marea ten solicitado a comparecencia da Conselleira do Mar, Rosa Quintana, para que dea conta das actuacións que vai levar a cabo en relación ao Decreto do Estado e as consecuencias do mesmo para Galicia. Por outra banda, Santos considerou “inaceptable” os servizos mínimos marcados polo Estado os que asegurou son “abusivos e pretenden vulnerar a iniciativa de autodefensa e entregar o sector as grandes empresas europeas”.

Nacionalización do Banco Pastor 

O deputado de En Marea no Parlamento, Manuel Lago, denunciou pola súa banda a falla de reacción ou declaracións algunha por parte do Goberno da Xunta de Galicia ante a desaparición que está a piques de acontecer do Banco Pastor. Lago advertiu que “a venda da segunda entidade bancaria do país, con 250 anos de historia, só servirá para agravar a situación de oligopolio de concentración bancaria que levamos sufrindo en Galicia sobre todo nos últimos anos”. Así mesmo fixo referencia aos 1.200 traballadores e traballadoras das oficinas galegas do Banco Pastor que verán perigar o seu emprego. “A compra por parte dun dos grandes Bancos do Estado suporía entre outras cuestións a duplicidade de oficinas o que traería como consecuencia o despedimento de centos e centos de traballadores” sinalou Manuel Lago.

En segundo lugar, o proceso de oligopolio que se produciría “sería inadmisible” en opinión do grupo parlamentario de En Marea xa que o 90 cento dos mercado bancario estaría en mans de cinco entidades, ao tempo que se afondaría na exclusión de determinadas zonas coa perda oficinas nos pobos e vilas pequenas.

A solución para o grupo parlamentario de En Marea pasa pola nacionalización do Banco Pastor e poñelo para servizo público. “Esta entidade ten que ser directamente nacionalizada e quedar en mans do Estado asumindo os accionistas as perdas do que ten acontecido” apuntou Manuel Lago.

Silencio cómplice ante a poxa pola AP-9

O deputado no Parlamento referiuse tamén ás negociacións para vender “a principal vía de comunicación no noso país como é AP-9”. A intención de Globalia de mercar Itinere, propietaria de Audasa, foi considerada polo deputado de En Marea unha cuestión fundamental para o noso país e “o Goberno galego ou non lle interesa e por iso non se pronuncia, ou é o único non se decatou de que está sendo suxeito de poxa entre as grandes empresas, ou parécelle ben e actúa polo tanto como cómplice”.

Por todo isto, En Marea reclamou ao Goberno de Núñez Feijóo, que abandone dunha vez por todas a actuación “indigna dun presidente” que está a manter e recoñeza que estamos diante de dous grandísimos problemas para o noso país. “Esa capacidade de presión e influencia da que presume Feijóo é precisamente nestes momentos cando debería ser demostrada” reclamou Manuel Lago.