En Marea denuncia que a Xunta conxela as partidas orzamentarias destinadas a brigadas forestais e convenios con concellos para a loita contra o lume

Publicado por o día 24/10/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política

En Marea denuncia que a Xunta conxela as partidas orzamentarias destinadas a brigadas forestais e convenios con concellos para a loita contra o lume

Os orzamentos que o PP propón para 2018 para a Xunta de Galicia mantén conxeladas as partidas orzamentarias destinadas a financiar as brigadas de extinción de incendios (de SEAGA) e tamén as partidas destinadas aos convenios con concellos para a defensa contraincendios.

A pesar de que na xustificación dos orzmantos, o goberno da Xunta explica que pretende mellorar a “coordinación e apoio entre administracións, especialmente entre as municipais”, a pesar de que na mesma xustificación se anuncia unha “profesionalización do dispositivo contraincendios” a realidade orzamentaria que ofrecen as cifras é que as partidas destinadas a cumprir estas intencións están conxeladas e presentan os mesmos números nos orzamentos de 2017 e 2018.

Na partida 551B, destinada a Accións preventivas e infraestrutura forestal está dotada coa mesma cantidade en 2018 que contaba en 2017, 16.685.000 millóns de euros. Nesta partida están incluídos os convenios cos concellos en materia de defensa contraincendios forestais. Esta partida ofrece ademais unha particularidade, está dividida en dúas partes, a primeira destinada propiamente a concellos e a segunda a accións preventivas aos danos causados nos incendios. O montante destinado aos convencios cos concellos baixa un millón de euros con respecto a 2017 mentres que a outra sube un millón.

A conxelación dos orzamentos destinados ao persoal de extinción de incendios, no capítulo destinado aos gastos de personal de Seaga tamén está conxelado para o vindeiro ano, ofrecendo a mesma cifra que xa tiña no anterior orzamento, 6.107.553.