En Marea denuncia que a Xunta non está tomando ningunha medida contra os incendios

Publicado por o día 28/04/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea denuncia que a Xunta non está tomando ningunha medida contra os incendios

A pesar de que só neste mes de abril o lume leva calcinadas miles de hectáreas en incendios forestais rexistrados por toda Galicia, ante esta situación a día de hoxe a Xunta aínda non tomou ningunha medida extraordinaria para paliar as consecuencias destes lumes que se orixinan fóra do periodo estival, restrinxindo a súa acción ao periodo de alto risco sen ter en conta o fenómeno da desestacionalización dos incendios.

Entre decembro e xaneiro houbo no noso país preto de 180 lumes. A Semana Santa deixou varios incendios forestais en Galicia, que calcinaron preto de 600 hectáreas. Dende o día 10 de abril arderon, segundo os partes da Consellería do Medio Rural -que só inclúen os lumes que superan as vinte hectáreas ou aqueles nos que hai risco para núcleos habitados-, 100 hectáreas de monte en Lobios, 20 hectáreas en Carballeda de Avia, 22 en Melón, 34 en Vilariño de Conso, 137 en Carballeda de Valdeorras e 80 en Cervantes. O 20 de abril, un incendio en Ferrolterra queimou unhas 450 hectáreas en pouco máis dun día. Ese mesmo día, en Negreira, o lume arrasou 131 hectáreas.

“Estes casos plantexan a necesidade de reforzar os servizos de extinción e prevención durante todo o ano”, recolle a iniciativa de En Marea, que xa presentou no pasado pleno unha proposta de ampliar de 3 a 9 meses a contratación do persoal antiincendios e foi rexeitada polo PPdeG.

“O único plan de prevención que existe, o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (PLADIGA), non se presenta ata finais de maio”, sinala En Marea, “cando a Memoria 2016 do PLADIGA establece que na época de perigo alto o despregue dos medios de extinción e alerta deberán ser os máximos, en función da avaliación do risco e a vulnerabilidade”.