En Marea desminte a escusa do vicepresidente Alfonso Rueda para tentar xustificar o “desplante antolóxico” da Xunta de Galicia ao Eixo Atlántico

O voceiro de En Marea, Luís Villares, demostrou que no propio programa do Congreso do Eixo Atlántico ao que o Goberno galego dixo non ir por non estar convidado, recollía a participación do conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, que finalmente non asistiu
Publicado por o día 21/06/2017 na sección de En Marea,Política

En Marea desminte a escusa do vicepresidente Alfonso Rueda para tentar xustificar o “desplante antolóxico” da Xunta de Galicia ao Eixo Atlántico

O voceiro de En Marea, Luís Villares, desminte á resposta da Xunta de Galicia para tentar xustificar a súa ausencia no Congreso do Eixo Atlántico dicindo que non estaban convidados xa que como aparece no programa e a lista de convidados do Eixo aparecía concretamente a participación na clausura do conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela. O voceiro de En Marea lembrou a celebración os pasados días 8 e 9 de xuño na localidade portuguesa de Braga do Congreso do Eixo atlántico, que tiña como tema a debater a axenda urbana para a Eurorrexión e sobre o proxecto de colaboración entre particulares, institucións e colectivos arredor do que se constitúe a terceira macrorrexión a nivel peninsular por poboación e PIB. Unha cita á que a Xunta optou por non asistir deixando en evidencia a intención do presidente da Xunta de Galicia de “desmontar a Eurorrexión”. “A ausencia da Xunta só se explica dende o desprezo do noso goberno polo país veciño, que levou a Feijoo a abandonar a súa relación institucional co Eixo Atlántico” afirmou Villares que lamentou que Galicia teña “un presidente cohibido e un director da política exterior, o señor Rueda que protexe mal os intereses de Galicia con esta viraxe”.

O voceiro de En Marea incidiu no “cambio evidente” da estratexia exterior da Xunta de Galicia cara á Meseta o que implica a recentralización das relacións exteriores, dentro das directrices marcadas polo goberno do Partido Popular no Estado, que non quere saber nada de que as Comunidades Autónomas fagan política exterior. A isto súmase a pouca destreza do presidente da Xunta de Galicia no relativo a carreira diplomática como valorou o voceiro de En Marea xa que non se entende que nunha xuntanza do Eixo Atlántico á que asiste o primeiro ministro de Portugal, non conte con ninguén por parte da Xunta de Galicia. “En termos de diplomacia e decoro institucional, o desplante que a Xunta lle fai ao Eixo é antolóxico” valorou Villares.

Na súa intervención, o voceiro de En Marea fixo referencia a participación do seu grupo neste Congreso onde tiveron a oportunidade de compartir inquedanzas e aclarar que o compromiso político galego coa Eurorrexión estaba garantido pola posición de En Marea na Cámara galega, tendo esta como unha prioridade da acción exterior de Galicia. Unha prioridade que como sinalou Luís Villares é compartida por parte da cidadanía galega “como se viu na onda de solidariedade desta semana coa traxedia do incendio de Pegregao, cos nosos irmáns portugueses”.

O voceiro de En Marea lamentou a falla de interese amosado polo Goberno galego con este desplante e animou cambiar a actitude optando por seguir as recomendacións do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) nas que apostan por:

– Revitalizar a axenda de traballo e de cooperación existente dentro da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, ante a visible parálise institucional existente nos derradeiros tempos en materia de cooperación transfronteiriza.

– Esta revitalización institucional debe necesariamente ampliarse de cara ao eido europeo. O contexto actual dentro da Unión Europea e principalmente de cara ao proceso de integración europea, implica igualmente dar visibilidade ao exemplo da cooperación transfronteiriza como unha aposta institucional seria, efectiva e imprescindible para o proceso de integración cidadá a nivel europeo.

– A necesidade de reforzar o peso do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular como actor chave na formulación dunha axenda de traballo específica. Esta axenda debe implicar un proceso de difusión e de comunicación sobre a necesidade de revitalizar a cooperación transfronteiriza dentro da Eurorrexión, tema ausente nos medios de comunicación e na formulación de políticas públicas.

– Establecer unha axenda de traballo de cooperación transfronteiriza urxente e inmediata ten que ver coa recente crise forestal e de incendios en Portugal, que pode tamén repercutir en Galicia. Precísanse mecanismos de axuda e de cooperación en materia de seguridade contra os incendios, que implique tamén unha colaboración institucional coas entidades transfronteirizas.