En Marea: “O discurso do xefe de Estado é o do inmobilismo: que nada cambie para que todo siga igual”

O grupo de En Marea no Congreso avaliou o discurso do Xefe de estado na noiteboa como “oficialista, continuísta, o discurso do inmobilismo: que nada mude e todo siga igual”.
Publicado por o día 25/12/2016 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea: “O discurso do xefe de Estado é o do inmobilismo: que nada cambie para que todo siga igual”

A portavoz no Congreso afirmou que “o Rei reflexa a opinión sobre o sistema político do estado español propia da institución caduca da que procede. A unidade de España por enriba de todo e como a solución a todos os problemas cando é evidente que debe haber un avance. Precísase o inicio dun proceso constituínte, proceder á reforma da Constitución e dar pasos para adaptar o modelo de estado á realidade plurinacional existente”. Engadiu que “o inmobilismo é a fórmula aplicada nestes anos e habería que preguntarlle: funcionou?”.

No que atinxe ao chamamento do Rei ao diálogo entre partidos para lograr o entendemento, afirmou que “os consensos e os entendementos deben sosterse en base ás necesidades sociais e económicas da poboación, e non a calquer prezo. A  tranquilidade duns poucos pode ser a inquedanza de millóns de persoas, especialmente cando o entendemento se sustenta sobre unha formación política que foi a executora dos maiores recortes que se lembren na historia democrática”.

Neste sentido, a “aposta de En Marea era a da formación dun Executivo progresista, cuxo propósito fose a recuperación do vapuleado Estado de Benestar” mentras que o Goberno de Rajoy “coa venia dalgúns, seguirá a ser o Goberno executor dos recortes que manda Bruxelas”.

Alexandra Fernández manifestou non compartir as consideracións políticas do Xefe de Estado, nin no que atinxen á gobernabilidade nin ao proceso aberto en Catalunya, lembrando que “a convivencia democrática da que falou o Rei debe sustentarse sobre os parámetros do diálogo construtivo, frutífero e que supoña un avance nas posicións. De momento, o Goberno e os poderes do estado só fixeron poñer atrancos, obstáculos e muros. Non hai culpa nos pobos que se expresan libre e democráticamente”.

En Marea tamén reprocha a falta de sensibilidade do Xefe do Estado cara problemas graves como a violencia machista da que non falou a pesar dos dramáticos e duros casos dos últimos días nos que foron asasinadas dúas mulleres.

A portavoz tamén criticou que sempre aluda aos duros recortes como “os grandes sacrificios feitos nos últimos anos, cando foron decisións políticas e nunca sacrificios asumidos resignadamente pola poboación. Foron medidas impostas por un Goberno que tomou de costas ás necesidades da poboación só para cadrar o déficit”. A deputada insiste en que o papel dun xefe de Estado non electo debería ser máis neutral, sen “ser tan explícito na parte política, situando a unidade de España como a panacea e a solución a todos os problemas e sen embargo deixando de lado o social, esquecéndose das innumerábeis dificultades que sofren os seu compatriotas, como dixo”.

En conclusión, En Marea observa “un discurso caduco e vello no político, anclado no inmobilismo, e moi pouco empático no social e económico”.