En Marea e o BNG rexistran a solicitude de comparecencia urxente do Comité de empresa de Ferroatlántica no Parlamento de Galicia

Luís Villares: “Feijóo ten que escoitar a voz dos traballadores e non só ás empresas que financian ilegalmente o seu partido”.
Publicado por o día 18/05/2017 na sección de BNG,En Marea,Política,Vigo

En Marea e o BNG rexistran a solicitude de comparecencia urxente do Comité de empresa de Ferroatlántica no Parlamento de Galicia

Os grupos parlamentarios de En Marea e o BNG rexistraron esta mañá no Parlamento de Galicia a solicitude de comparecencia urxente do Comité de Empresa de Ferroatlántica de Cee-Dumbría na Comisión 6ª de  Industria, Enerxía, Comercio e Turismo co obxecto de escoitar a situación que están atravesando os traballadores da factoría, pois descoñecen o futuro das centrais trala petición de segregación das actividades por parte de Villar Mir á Xunta de Galicia.

En Marea considera que a comparecencia dos  representantes dos traballadores de Ferroatlántica no Parlamento de Galicia contribúe, ademais, a reforzar o carácter democrática da propia institución ao darlle voz a unha das partes tradicionalmente esquecida polas políticas da dereita, que interlocuta e rende contas perante as grandes empresas pero non diante das persoas que ven como se pón en risco o seu posto de traballo. “A Cámara galega é a cámara de representación de toda a cidadanía de Galicia e perante a gravidade dos feitos que rodean a venda segregada das centrais de Ferroatlántica consideramos unha necesidade de primeira orde escoitar os traballadores que son os que deben ter a última palabra sbre a importancia que ten o mantemento dos postos de traballo e e viabilidade dun sector industrial dunha comarca que vive de maneira principal desta empresa”, sinalou o voceiro Luís Villares.

Para Villares este é un exemplo máis da actitude do goberno do Partido Popular, que deixa de lado os intereses da cidadanía e considera que “Feijóo ten que escoitar os traballadores e non escoitar soamente a aquelas empresas que financian ilegalmente o Partido Popular”, nunha referencia á ambigüidade e falta de interlocución do presidente da Xunta co persoal de Ferroatlántica, a pesar das reiteradas solicitudes de xuntanza.