En Marea e Gestha comezan a traballar para coordinar medidas contra a fraude fiscal

Na rolda de prensa posterior á xuntanza, Luís Villares cualificou de “inapropiados” os incrementos das peaxes aprobadas pola Xunta para 2017, pois “a crise aínda non rematou”.
Publicado por o día 28/11/2016 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea e Gestha comezan a traballar para coordinar medidas contra a fraude fiscal

En Marea e o Sindicato de Técnicos do Ministerio de Facenda (GESTHA) mantiveron hoxe unha primeira xuntanza para trasladar ó Parlamento de Galicia medidas fiscais que combatan a fraude fiscal reactiven a economía. O voceiro de En Marea, Luís Villares e os deputados da Comisión de Economía Manuel Lago e Antón Sánchez acordaron co presidente da Gestha, Carlos Cruzado, axendar propostas que contribúan a reducir a economía sumerxida, que representa cerca do 25% do PIB. “Sabemos que a batalla está no capítulo de ingresos, non no de gastos”, sinalou Luís Villares na rolda de prensa posterior á xuntanza, “e asegurou que para iso hai que loitar contra a propia fraude fiscal e mantendo un sistema fiscal acorde cos principios tributarios do artigo 31 da Constitución”.

“Os datos de economía sumerxida e evasión fiscal sepárannos máis de dez puntos da media europea, situándonos ó redor do 25% do PIB” indicou o presidente da Gestha Carlos Cruzado e engadiu que “é un problema que non se está afrontando coa necesaria vontade política porque a redución da economía sumerxida e a fraude non se está producindo coa efectividade que debería por parte da Axencia Tributaria”.

Aumento “inapropiado” das peaxes

O voceiro de En Marea tamén fixo referencia na rolda de prensa ó incremento na contía das peaxes ás autoestradas galegas aprobada pola Xunta de Galicia para 2017. “É unha mostra máis de que o Partido Popular dá por rematada esta crise de carácter económico, social e laboral”, snalou Villares que tamén relacionou esta decisión coa “recuperación dos fastos do Obradoiro”. Para En Marea “a crise non rematou aínda e este aumento é totalmente inapropiado, aínda que veña asociado a un discurso de Feijóo que non se corresponde coa realidade”

Retroceso dereitos e liberdades civís

En Marea chamou tamén a atención sobre tres feitos concretos que preocupan polo “retroceso en materia de dereitos e liberdades civís que implican”. En primeiro lugar a decisión do Goberno de expulsar ao rapaz de 19 anos de orixe paraguaia pero que levaba vivindo aquí a maior parte da súa vida, sen que concorran circunstancias que o xustifican. “O Goberno desconsidera totalmente a situación persoal e o entorno social do rapaz, levando a cabo unha expulsión que non só non é acorde coa lexislación vixente en materia de estranxeiría, senón que ademais denota unha falta absoluta de valores que se lle supoñen á Administración á hora de tomar unha decisión deste tipo” censurou Villares.

A crítica política tamén se extende con relación á expulsión do mozo do Fogar San José de Vigo que denunciou os malos tratos investigados pola Fiscalía neste centro de menores. “Non imos tolerar a represión contra quen denuncia as malas condicións nas que se vive nalgúns centros, aínda que sexan episodios puntuais”, adiantou o voceiro de En Marea, que xa presentou varias iniciativas no Parlamento para preguntarlle á Xunta por esta cuestión.

Tamén neste capítulo enmarca En Marea as declaracións da Valedora do Pobo, Milagros Otero, nas que asegura que os problemas de moitas persoas sen fogar se solucionarían pola vía da incapacitación. Para En Marea “trasladar a un problema de capacidade o que é un problema social que cómpre atender en clave de dignidade persoal é algo que nos afasta dos mais esenciais dereitos democráticos”. Luís Villares pediu unha recticficación pública da Valedora do Pobo “pois parécennos moi preocupantes estas declaracións, vinculando ademais de xeito exclusivo este problema ó concello de Santiago como se non existira no resto do país.

Carta financeira

A coordinadora de En Marea tamén vén de aprobar a súa carta financeira, que establece unha táboa de achegas para o partido a partir de salarios que superen os 3 SMI. A doazón será do 5% da retribución líquida para aqueles representantes que perciban entre 3 e 4 SMI, un 10% para os que perciban unha retribución equivalente a entre 4 e 5 SMI, un 15% aos que teñan un salario entre 5 e 6 SMI, e así progresivamente.

Ademais, acordouse que o persoal de staff do grupo parlamentario estea constituído por 7 persoas: tres no equipo de comunicación, un coordinador de grupo, un asesor xurídico, un asesor económico e a persoa encargada da asistencia ó voceiro parlamentario.