En Marea enfila a última semana da campaña con tres novos Encontros en Baiona, Arousa e Agolada.

Carmen Santos, cabeza de lista por Pontevedra, achegouse ata Baiona para presentar algunhas das propostas da formación para as eleccións e coñecer as problemáticas concretas da zona. Con ela estiveron o número dous, Marcos Cal, a número tres, Eva Solla e o número catro, Juan Merlo.
Publicado por o día 19/09/2016 na sección de Eleccións Galegas,En Marea,Vigo

En Marea enfila a última semana da campaña con tres novos Encontros en Baiona, Arousa e Agolada.

Os candidatos de En Marea continuaron hoxe luns a rolda de encontros veciñais nas distintas cidades e vilas da provincia cos que queren achegar á cidadanía as principais propostas programáticas da formación. O acto central tivo lugar na vila de Baiona, ata onde se achegaron a cabeza de lista, Carmen Santos, e os candidatos Marcos Cal, Eva Solla e Juan Merlo. O encontro tivo lugar na Praza do Concello e contou cunha afluencia de algo máis de medio centenar de persoas.

O equipo de En Marea expuxo algunhas das principais propostas da formación, especialmente as referentes á ordenación do territorio, onde En Marea defende unha comarcalización que permita a creación de estruturas administrativas eficientes e que permitan unha xestión adecuada de materias importantes como pode ser a ordenación territorial, a planificación da mobilidade ou as políticas en materia de xestión de residuos, sempre atendendo ás peculiaridades e necesidades específicas de cada comarca.

A número un pola provincia incidiu no perigo que suporía para Galicia unha nova maioría absoluta, algo que apoiou referíndose ó incremento de 6000 millóns na débeda pública galega, ao tempo que acometían “os recortes máis salvaxes” da historia do estado de benestar. Carmen Santos criticou duramente o “mantra da herdanza recibida” no que se escudou Feijóo no debate do pasado luns, e contrapuxo a súa xestión coa de Manuela Carmena e a súa agrupación Ahora Madrid, que nun ano “rebaixaron a débeda en mil millóns de euros”. “Mil millóns nun ano”, insistiu, “que non nos veñan dicir que non se pode”, rematou.

Os outros tres candidatos abordaron distintas cuestións tamén relativas ao programa electoral; así, Marcos Cal falou da necesidade de que a xente entenda que o cambio non pasa só por cambiar uns gobernos por outros, senon pola fiscalización cidadá do goberno que saía das furnas o próximo día vintecinco. Eva Solla centrou a súa quenda de intervención na necesidade de recuperar servizos básicos e concretou no rescate do Hospital Álvaro Cunqueiro algunha medida concreta. Tamén se referiu á aposta pola creación dun Instituto Galego de Crédito como base para o financiamento de pequenos empresarios e novas mercantís. O número catro, Juan Merlo, pechou o encontro cunha breve intervención aludindo ás medidas programáticas para o mar e os sectores primarios.

Encontros simultáneos en Agolada e na Illa de Arousa.
Ao tempo que se celebraba o acto principal en Baiona tiñan lugar tamén outros dous encontros coa veciñanza, na Illa de Arousa e no municipio de Agolada, que contaron coa participación dos candidatos Tino Cordal e Julia Torregrosa que, perante un público máis reducido, expuxeron tamén algunhas das principais ideas que defenderá En Marea tralos comicios do próximo día 25. Nestes dous encontros, ademáis, e gracias ao reducido aforo, abriuse unha quenda de intervencións para que as asistentes puideran plantexar dúbidas ou preguntas xerais ós candidatos.