En Marea esixe ao Goberno central e ao PP que rematen os agravios comparativos e as falsedades sobre o traspaso de competencias da AP9

Por o 19/10/2016 | Sección: En Marea,Política,Vigo
En Marea esixe ao Goberno central e ao PP que rematen os agravios comparativos e as falsedades sobre o traspaso de competencias da AP9

Dende En Marea consideran que os argumentos que serven para intentar  vetar o debate da proposición de lei aprobada por unanimidade no Parlamento galego para o traspaso de competencias da AP9 á Xunta de Galicia, por parte do Goberno español son falsidades con mala intención e mostran unha dupla posición, inadmisible entre Galiza e outros territorios do Estado.

Os mesmos argumentos que se esgrimen no informe do Goberno non impediron que durante gobernos do PP e do PSOE se traspasasen autoestradas en Cataluña (RD 902/1995) , a C-17 de Barcelona a Ripoll que remata nas inmediacións da fronteira francesa e era de interese xeral a A-19 entre Barcelona e Girona, e a Euskadi (RD 1837/1999) a A-8 de Bilbao a Behovia que remata xusto a 10 metros da fronteira con Francia e foi traspasada por Arias Salgado (PP).

Tal e como asegura o deputado de En Marea, Antón Sánchez, estes casos demostran a falsidade dun dos argumentos centrais  do PP para obstaculizar a tramitación da proposición de lei., o de que  a AP9 é un itinerario de interese xeral porque sirve de paso fronteirizo, cando a realidade é que a AP-9 non remata na fronteira con Portugal, e a autopista de Euzkadi si remata na fronteira mesma, e non houbo problema para o seu traspaso.

En Marea considera mentira a o cálculo económico do rescate, deliberadamente falseado polo goberno do PP, porque asimila o valor de rescate cos ingresos por peaxes ata o fin da concesión, cando o cálculo do valor de rescate nunha concesión de obra pública como é o caso, os valores fundamentais serían o do investimento actualizado neto (investimento menos a amortización acumulada), o fondo de reversión  e o lucro cesante, debendo calcularse este sobre os beneficios obtidos nos últimos cinco anos, pero nunca en función das peaxes deixadas de percibir, que é o que informa, con manifesto erro intencionado, o goberno do Estado. Falso porque tampouco concordan coa propia valoración económica do patrimonio neto de Audasa, que é de 504 millóns de euros segundo as contas do ano 2015, nin tampouco coa media de beneficios dos últimos 5 anos, que é de 37,2 millóns. A propia  Audasa valora a concesión, activo, acordo da concesión, incluído a súa activación financeira; e sen ter en conta as débedas, en 1.377.690,094 €, co cal a valoración real da concesión actualizada neta -deducindo as débedas – e tendo en conta o fondo de reversión  e o lucro cesante,  seria moito menor.

Aínda así, o mesmo Goberno que alude ao custe do rescate da AP-9 non ten reparos en  rescatar as autoestradas radiais en Madrid, asumindo o Estado  un custo moi superior ao valor real do rescate  da AP-9. O goberno do PP, seguindo a práctica realizada co sistema bancario, socializa as perdas e privatiza os beneficios, ou, o que é o mesmo, rescata autopistas madrileñas en quebra, pero mantén a titularidade estatal e o negocio millonario da AP-9 galega.

Un rescate, o da AP-9, que, en calquera caso, e tal como consta na DA Terceira da iniciativa aprobada por unanimidade polo Parlamento de Galiza non establece a anualidade concreta na que se faría efectiva, co cal malamente pode vetarse polo goberno a tramitación dunha iniciativa por un motivo (o do incremento do crédito orzamentario do exercio), cando na iniciativa non se determina a anualidade concreta na que tal rescate se faría efectivo.

Constátase ademais das falsidades e os agravios comparativos con Galiza, a burla do PPdG que aproba no Parlamento galego propostas que son freadas polo PP de Madrid. En Marea esixe a Feijòo que actúe na defensa dos intereses dos galegos e galegas nun tema tan crucial.

Por parte de En Marea, tanto a través do Grupo Parlamentario no Congreso, coma no Parlamento galego loitarase pola transferencia da AP-9 a Galiza e o remate do negocio privado dunha concesión dunha rede viaria básica e fundamental para o País.