O voceiro de En Marea, Luís Villares, cualificou de chantaxe as declaracións do vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, ao dicir que non se vai sentar a negociar ata que se suspenda a folga. “Alfonso Rueda tivo tempo de sobra de solucionar o conflito antes de que se iniciase a folga” asegurou Villares.
O voceiro de En Marea asegurou que “estamos fartas dunha actitude absolutamente prepotente e soberbia por parte da Xunta de Galicia que está a provocar moito sufrimento ao conxunto da poboación ao incrementar o xa estrutural colapso da Xustiza”. Así mesmo, denunciou o sufrimento que se está a causar tamén a uns traballadores e traballadoras que están deixando de cobrar nun servizo que nos afecta a todos e a todas.
“Esiximos a Alfonso Rueda que inmediatamente e incondicionalmente sente na mesa de negociacións lembrándolle que é un mandato do Parlamento de Galicia que acordou por unanimidade no mes de decembro de 2017 aceptar as reclamacións destes traballadores e traballadoras” declarou Luís Villares.
Para o voceiro de En Marea “non é aceptable que non cobren a metade dos seus salarios cando se poñen enfermos, non se suspenden nin as hipotecas nin os fillos e fillas deixen de comer polo que non é aceptable que lles rouben a metade do seu traballo. Igualmente non é aceptable que sexan discriminados cobrando menos nunha substitución do que percibe o substituído. E tampouco é aceptable que non se produza unha reposición das prazas amortizadas, ou que se manteñan os recortes nos seus salario mentres Feijóo subiuse un 7 por cento o seu salario”.
Para En Marea esas son as únicas condicións que Rueda ten que levar á mesa de negociación para recoller as demandas destes traballadores e traballadoras e deste xeito poñer fin á folga.
Noticias de última hora en Vigo