En Marea esixe a comparecencia do Conselleiro de Sanidade para dar conta dos feitos denunciados en Conxo

O grupo ven de rexistrar unha petición conxunta de comparecencia cos grupos da oposición no Parlamento de Galicia.
Publicado por o día 10/02/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

En Marea esixe a comparecencia do Conselleiro de Sanidade para dar conta dos feitos denunciados en Conxo

En Marea rexistrou hoxe unha petición conxunta co resto de grupos da oposición solicitando a comparecencia urxente do Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez, en relación a grave situación que se está a dar no Hospital Médico Cirúrxico de Conxo. Nos últimos meses se teñen producido episodios gravísimos como é o suicidio unha paciente na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica ou a denuncia doutra paciente de ter sufrido unha agresión sexual.

A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, asegurou que as últimas denuncias do Movemento Galego de Saúde Mental constitúen feitos de extrema gravidade ante os que a Consellería ten que comparecer para explicar en profundidade que aconteceu. En Marea solicitará que se abra unha investigación para aclarar os feitos e presentará diversas iniciativas incidindo no tema para dunha vez por todas aclarar a situación que leva anos denunciando este colectivo.

Os continuos recortes nos últimos anos están a provocar unha situación intolerable que foi xa denunciada en numerosas ocasións sen que a Xunta de Galicia fixera nada por lle poñer solución senón todo o contrario, no caso concreto da área de Conxo está a levar a cabo un desmatelamento progresivo.

“Estamos a falar de feitos de gravidade extrema que requiren dunha comparecencia urxente por parte do Goberno galego“ sentenciou Eva Solla.