En Marea considera imprescindible que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, compareza de xeito urxente no Parlamento de Galicia para dar explicacións ante a decisión da Audiencia Provincial da Coruña de imputar aos dous altos cargos do Sergas por delitos de homicidio imprudente polas mortes de pacientes de Hepatite C aos que se lles denegara ou atrasara a administración dos tratamentos prescritos. A realidade demostra unha vez máis que cando se dicía que as políticas impulsadas polo goberno de Núñez Feijóo estaban a matar xente, desgraciadamente eran e continúan a ser certas.
Os continuos recortes orzamentarios en Sanidade impostos polo Partido Popular están a provocar unha situación intolerable na que a vulneración de dereitos fundamentais como o dereito á saúde e os propios dereitos humanos están a ser vulnerados desde a propia Administración pública. Por este motivo, En Marea insta ao Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, a comparecer no Parlamento de Galicia coa máxima celeridade para dar conta da situación tras as novas imputacións, así como a asumir a súa responsabilidade e explicar se vai a poñer fin as políticas de recorte que poden ter sido a causa da morte destas persoas.
Cese inmediato dous altos cargos do SERGAS imputados
O grupo parlamentario de En Marea esixiu así mesmo, o cese inmediato dos dous altos cargos do SERGAS imputados, o director xeral de Asistencia Sanitaria do SERGAS e actual Xerente de Vigo, Félix Rubial, e a Subdirectora xeral de Farmacia, Carolina Gómez-Criado. En Marea considera inaudito que a Consellería os manteña nos seus postos pese a contar cunha imputación por un posible delito de prevaricación en relación aos mesmos casos ao que se suma agora a imputación por un posible delito de homicidio por imprudencia profesional grave.
Noticias de última hora en Vigo