En Marea esixe a Fomento unha investigación sobre o accidente laboral mortal nas obras da AP-9

A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, traslada ao Ministerio as diversas denuncias que fixo a CIG en semanas anteriores polas precarias e lamentábeis condicións laborais dos traballadores destas obras, pero “nada se fixo”.
Por o 06/07/2017 | Sección: En Marea,Política
En Marea esixe a Fomento unha investigación sobre o accidente laboral mortal nas obras da AP-9
Compartir en:

A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, presentou esta mañá unha batería de preguntas dirixidas ao Goberno debido ao grave e mortal accidente producido no día de onte nas obras de ampliación da AP-9 en Rande, que se cobrou a vida dun traballador ao precipitarse desde unha altura de 5 metros sen as debidas condicións de seguridade nun traballo deste tipo.

Alexandra Fernández faise eco das numerosas denuncias realizadas en semanas anteriores pola organización sindical CIG, que viña advertindo das graves deficiencias en seguridad laboral e das condicións de explotación dos traballadores.  “Precisamente o sindicato interpuso varias denuncias perante a Inspeción de Traballo. Motivado polas reclamacións sindicais constituise unha Comisión de Seguimento das Obras pero non había avanzos e por riba nula vontade por parte da UTE Dragados y Grupo Puentes de cambiar as condicións laborais”.

Nada se fixo a pesar das denuncias e advertencias sindicais

A deputada de En Marea critica duramente “este estado de cousas que levou á organización sindical a convocar un protesto en Rande para pór de manifesto as nefastas condicións laborais dos traballadores”. Nada se fixo, lamenta, “a pesar das advertencias e das movilizacións sindicais”. A parlamentar de En Marea descrebe na súa iniciativa parlamentar as abusivas xornadas laborais de 12 horas “nun contexto de enorme complexidade que require facer actividades a grande altura e soportando todo tipo de inclemencias climatolóxicas”.

Razón pola que formula unha serie de preguntas a Fomento a quen lle pide unha investigación seria e rigurosa, así como a adopción de medidas ante AUDASA e a exixencia de cumprimento da normativa laboral e o respecto a unhas condicións laborais dignas. “Cumpriuse a normativa laboral en materia de seguridade no traballo neste accidente? Como se explica que o traballador falecido estivese realizando un labora tan perigoso sen arnés? É consciente o Goberno da gravedade dos feitos? Vai o Goberno a pedirlle explicacións a AUDASA para que exixa á UTE condicións laborais dignas, respecto ao horario de traballo e o cumprimento da normativa en seguridade laboral?”.

Alexandra Fernández reprocha ao Goberno que “non se escoitasen as queixas e denuncias sindicais reiteradas. Como se explica tanta pasividade cando están en xogo as vidas de traballadores?”

A parlamentar de En Marea pregunta se se fan “exhaustivos controis e inspecións neste tipo de obras” e pide ao Goberno medidas contundentes para evitar máis mortes de traballadores en obra pública.